A Audiencia da Coruña deixa en liberdade pero mantén como investigado ao último detido polo crime de Samuel Luiz. O tribunal entende que non hai motivos neste momento procesual para mantelo en prisión provisional, como estaba desde finais de setembro, pero prohíbelle saír de España. No caso hai sete persoas investigadas, dúas delas menores de idade.
Fálase
Pedro Sánchez e Nadia Calviño comprométense con Yolanda Díaz "á derrogación da reforma laboral". Nun comunicado dos socios de Goberno tras a reunión interna, o presidente comprométese a desmontar a lexislación laboral do PP "nos termos que establece o acordo de coalición e o Plan de Recuperación enviado á Comisión Europea".
Esgotado o Bono Cultura da Xunta horas despois de abrir o prazo para solicitalo. A iniciativa supón que a Administración asumirá o 50% do custo de libros, produtos audiovisuais ou entradas culturais ata o 31 de decembro a través destes bonos de 50 euros. O pasado outubro, o presidente da Xunta defendeu que o bono cultural do Estado (400 euros para a poboación que faga 18 anos) pretende "comprar" votos, pero non así o do Goberno galego.
Xa se pode solicitar o bono cultura da Xunta. Poderán descargarse ata 39.000 bonos de 50 euros cos que o Goberno galego asumirá o 50% do custo de libros, produtos audiovisuais ou entradas culturais ata o 31 de decembro. Unha iniciativa similar á levada a cabo pola Xunta co sector turístico o pasado ano e co comercio a comezos deste, que conta cun orzamento de 1,95 millóns de euros.
O rastrexador da incidencia da COVID-19 da universidade estadounidense Johns Hopkins indica que xa se superaron os cinco millóns de falecementos polo coronavirus en todo o mundo desde que comezou a pandemia hai menos de dous anos. Segundo estes datos, os Estados Unidos lideran a listaxe de países con máis mortos confirmados pola COVID-19, seguido do Brasil e a India. [Na imaxe, © Concello da Coruña, dúas persoas pasean polo porto coruñés con máscara]
A ourensá Alba Guzmán gaña o Premio de Novela Curta Xuventude Crea 2021 con Xoaniña de deus e o vilalbés Brais Lamela recibe o galardón Xuventude Crea na categoría de Poesía coa obra A linguaxe dos outros pola súa "profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios". Os premios, outorgados pola Consellería de Política Social, están dotados con 3.000 euros, e as gañadoras recibirán ademais apoio na difusión dos seus traballos.
Preto dun milleiro de coches participaron este domingo na caravana organizada polo comité de Alcoa entre San Cibrao e Burela baixo o lema 'enerxía solución'. A marcha entre as vilas transcorreu sen incidencias con berros de 'A Mariña sálavase loitando', mentres o persoal de dous turnos estaba dentro da fábrica de aluminio traballando. No horizonte está a folga xeral de 24 horas convocada por CIG, CCOO e UGT para o 17 de novembro. Ata ese día, continuarán as protestas, pois o comité de Alcoa xa anunciou unha nova mobilización nocturna para o vindeiro sábado. [Na imaxe, de arquivo, unha protesta dos traballadores na Mariña CC-BY-SA CC]
Rexistrado outro terremoto ao norte do Ortegal, desta vez de 3,3 na escala Richter. O deste domingo é o sétimo con epicentro no Mar Cantábrico notificado desde o acontecido o venres, que se deixou notar en boa parte do norte de Galicia.
Baiuca xa aterrou en Madrid [na imaxe, © Raso Estudio]. Os cinco galegos que estiveran retidos na capital de Sudán desde a noite do pasado domingo lograran abandonar Khartún este venres, e a peripecia levounos por Etiopía e Italia ata conseguir chegar á Península. "Por sorte, os artistas estiveron vixiados, acompañados e protexidos as 24 horas polo persoal da embaixada de España e xa están de volta con ganas de voltar aos escenarios", salientan desde Raso Estudio nun comunicado, no que destacan que o maior apoio que se lle pode dar agora ao grupo é encher as súas vindeiras actuacións.
Off the record, de Virxilio Rodríguez Vázquez, gaña a sexta edición do premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta. O xurado destacou "o acerto na recreación dunha trama investigadora que transcorre na Galicia bonaerense". Foto: Brais Lorenzo.