A selectividade queda aprazada polo coronavirus. Tras discutíreno os ministerios implicados con autonomías e universidades, a proba queda adiada e acomodarase unha nova data en función da evolución da crise sanitaria.
Fálase
Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común, confirma o seu positivo por coronavirus. "O xoves iniciei unha corentena" por estar "en contacto con xente diagnosticada", explica a través das redes sociais, nas que detalla que o pasado domingo, persoal do Sergas lle realizou a proba na casa. "Continúo traballando desde a casa e pronto para seguir, como ata agora, todas as prescripcións sanitarias para frear a expansión do virus", agrega. Gómez-Reino participa hoxe nunha nova videoconferencia co resto de líderes dos partidos galegos.
VÍDEO | Vinte no fútbol: o episodio final d'Os 20 do XX, a serie de Antón Varela en VINTE sobre a Galicia de hai cen anos, achéganos ao fútbol daquel tempo, o do nacemento da selección galega ou dos primeiros pasos de clubs emblemáticos do país. Podes velo integramente aquí
Unidades do Exército de Terra comezan a despregarse en cidades galegas dentro do dispositivo do estado de alarma contra o coronavirus. Nas imaxes, divulgadas polas Forzas Armadas, efectivos da Brilat en Vigo na noite deste luns. (Imaxes: Exército de Terra). Ampliamos a información neste espazo
Unidades do Exército de Terra patrullarán en Vigo para "reforzar a vixilancia" e facer "cumprir as normas" do estado de alarma para frear o contaxio do coronavirus. O alcalde vigués, Abel Caballero, especifica que, segundo indica o Ministerio de Defensa, serán efectivos da Brilat, "en coordinación coa Policía", os que se despregarán na cidade. O comité de seguimento confirmou tamén, di Caballero, a existencia de aloxamentos sufragados polo Concello "en pensións e hostais" para "todas persoas sen fogar que non estaban no albergue". Na imaxe, Caballero en videoconferencia con outros dirixentes da FEMP.
Grande-Marlaska anuncia a implantación de controis de fronteiras terrestres para frear o coronavirus. Na liña do acordado por Pedro Sánchez e António Costa, só estará permitida a circulación de mercadorías e por motivos laborais ou "forza maior". Ao tempo, a Comisión Europea propón un peche do conxunto da fronteira exterior da UE.
PSA anuncia o peche das súas fábricas en toda Europa pero en Vigo adíao ata o mércores. O grupo di que “os equipos de xestión de cada centro porán en marcha localmente os protocolos de peche das plantas que se levarán a cabo en coordinación cos axentes sociais. En Vigo os sindicatos xa se mobilizaran ante a negativa inicial da empresa a pechar. Ampliamos a información neste espazo
Urkullu suspende as eleccións vascas e os partidos galegos manteñen unha reunión por videoconferencia para facer o mesmo.
O operativo contra o coronavirus das forzas armadas, Operación Balmis, colle o nome do médico militar que difundiu polo mundo a vacina da varíola cun grupo de nenos galegos ao coidado de Isabel Zendal.
As persoas desempregadas non precisarán renovar a súa demanda de emprego, trámite necesario para cobrar as prestacións, ata o 30 de abril. Os trámites urxentes poderán facerse vía telefónica chamando á correspondente oficina de emprego. É unha das medidas establecidas pola Xunta no DOG extraordinario deste domingo.