Xa está en marcha en Santiago a mobilización en defensa da sanidade pública e en apoio da folga que vén mantendo o persoal de Urxencias do hospital da cidade. Consulta aquí o máis destacado da mobilización
Fálase
PP e Vox acadan un acordo para formar goberno en Andalucía que fará ao popular Juanma Moreno presidente da Junta. Entre os 37 puntos do texto [aquí, o documento] están medidas de reforzo da educación privada e concertada, “apoiar e promover as expresións culturais e populares andaluzas como o flamenco e a Semana Santa”, “apoiar por lei a tauromaquia” e “recoñecer a importancia” da caza.
O BNG de Santiago propón que a nova estación intermodal da cidade se denomine Daniel Castelao e inclúa nas súas instalacións "a tipografía e obra gráfica" do artista e político, soterrado tal día coma hoxe hai 69 anos en Bos Aires. A proposta será debatida como moción no vindeiro pleno da capital galega.
Ourense acolleu a presentación en Galicia do manifesto Nin un paso atrás, impulsado por un cento de colectivos feministas de todo o Estado. O texto critica as negociacións de PP e Ciudadanos con VOX e subliña que "non hai pacto posible con quenes defenden nas institucións as pretensións dos violentos". Este martes Núñez Feijoo defendeu “as políticas contra a violencia machista” fronte ao dobre discurso da dirección do PP.
Arquivada a querela contra os Mossos d'Esquadra por suposta espionaxe a políticos. O xuíz tamén desbota que a incineración de documentación por parte da policía catalá tivese motivacións políticas.
Alcoa propón parar o proceso de electrólise nas plantas da Coruña e Avilés de forma que poidan volver arrancar de haber un comprador. Asegura que esa é a súa resposta á petición da ministra de Industria para que paralicen o ERE e dean seis meses de prazo na busca de alternativas ao peche.
VÍDEO As Brigantias da Coruña son as pioneiras galegas do Roller Derby, un deporte de contacto a patíns que vive un rexurdimento mundial da man do movemento riot grrrl. Vinte visitounas nun adestramento, onde explicaron a orixe do equipo e o seu xeito de vivir este deporte, practicado cada vez por máis mulleres por todo o mundo.
Fomento aproba inicialmente o trazado da conexión na entrada da Coruña da AP-9 coa Terceira Rolda e elixe a alternativa máis barata, de 25 millóns de euros, a denominada Alternativa 01 Norte. As outras tres alternativas, de entre 37 e 63 millóns, que incluían un túnel ou un viaduto, descartáronse por ter maior impacto ambiental.
A Real Academia Galega de Ciencias premia o traballo do equipo científico galego e vasco que logrou reducir nun 80% a metástase do cancro de colon cara ao fígado. Este traballo é distinguido co Premio de Investigación 2018 da RAGC, que será entregado o día 23 deste mes.
Vox esixe ao PP que renuncie á autonomía andaluza para apoiar a investidura do seu candidato a presidir a Junta. A ultradereita pide a devolución de competencias en Sanidade, Educación e Xustiza ao Estado