María Alonso Seisdedos gaña o Premio Plácido Castro de Tradución. A obra premiada na vixésima edición do certame foi a súa tradución do catalán da obra Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá. En 2014 María Alonso Seisdedos obtivo o Premio Nacional á mellor tradución e tamén o Premio Xela Arias.
Fálase
O electorado chileno rexeita cun 62% dos votos a proposta de nova Constitución, que estaba chamada a substituír a da ditadura de Pinochet. O presidente do país, Gabriel Boric, anuncia a súa intención de dar "continuidade ao proceso constituínte", agora cunha maior participación dos partidos e do Congreso.
O Barbeira Season Fest de Baiona cancela a xornada deste domingo pola previsión de fortes refachos de vento e ante a "ameaza da posible entrada do a Galicia do furacán Danielle".
Monbús aumentará ata o 95% o desconto nos billetes de autobús ao engadir un 45% ao 50% financiado por Goberno central e Xunta. A rebaixa, para usuarios da Tarxeta de Mobilidade (TMG), aplicarase nos traxectos "máis relevantes do Eixo Atlántico" pero deixa fóra as conexións da Coruña con Ferrol.
O PSdeG acusa a Rueda de practicar "escapismo" e de "fuxir" das preocupacións dos galegos. Os socialistas proporán no Parlamento aumentar a seis millóns a contía do bono social eléctrico para beneficiar a 15.000 familias.
O BOE recolle este venres a contratación dun “servizo de asistencia técnica” na investigación do accidente marítimo do buque Villa de Pitanxo (con base en Marín) que está levando a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos. Os traballos encargados consistirán na construción dunha maqueta do naufraxio do barco en augas de Terranova o pasado febreiro, con 21 falecidos e tres sobreviventes. A voceira das familias do Villa de Pitanxo, María José de Pazo, considera “decepcionante” que o Goberno tome esta medida en lugar de ter baixado a inspeccionar a embarcación afundida.
Lucía C. Pan recibirá o Premio Chano Piñeiro do Ourense Film Festival (OUFF) ao talento e o emprendemento audiovisual por “representar dende a fotografía, o talento que aniña no audiovisual galego actual, na súa diversidade de formatos e a súa mestizaxe formal”. “É un premio tamén colaborativo, non só para os equipos de fotografia cos que traballo habitualmente. É un recoñecemento para o resto de departamentos fan forza con nós para construír novas narrativas e poder facer o que facemos”, salientou a premiada.
A directora de fotografía Lucía C. Pan (Cambre, 1984) é a primeira muller na historia en recibir tres premios Mestre Mateo á Mellor Dirección de Fotografía da Academia Galega do Audiovisual. En 2018 foi galardoada polo seu traballo no filme de ficción Dhogs, de Andrés Goteira; o seu segundo Mestre Mateo chegou pola primeira longametraxe de Xacio Baño, Trote; e nesta pasada edición dos premios acadou o terceiro polo filme ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres.
Adriana Lastra chama “machista, retorcido e mala persoa” a Feijóo despois de que este acusara aos socialistas de aproveitar o seu embarazo para cesala do seu cargo. “Hai que ser machista, retorcido e mala persoa para empregar a decisión persoal dunha muller e intentar facerlle dano ao Presidente. A miña decisión é miña, de ninguén máis, respéctaa, machista”, manifestou a ex vicesecretaria xeral do PSOE Adriana Lastra nas súas redes sociais.
O paro sobe en 2.062 persoas en agosto en Galicia e sitúase nas 141.912 persoas inscritas nos servizos de demanda de emprego. No conxunto do Estado o desemprego aumentou en 40.428 persoas. O número de traballadores e traballadoras afiliadas á Seguridade Social descendeu en 2.862 persoas. Toda a información, esta mañá en Praza.gal
O incendio declarado na tarde do xoves na parroquia de Parada, en Lobeira, e que afecta ao Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, quedou "estabilizado", despois de queimar 40 hectáreas. Outro incendio, en Ribadavia, está a afectar a 30 hectáreas de terreo e aínda permanece activo. En Cenlle, permanece "controlado" o incendio iniciado hai dous días e que arrasou 62 hectáreas.