O Comité Intercentros da CRTVG pide ao PSdeG que tampouco apoie a renovación de dous postos designados polo PP no Consello de Administración da corporación e "non desaproveite unha ocasión única para que se cumpra a lei dos medios públicos". A representación do persoal transmitiu a petición ao voceiro socialista no Parlamento, Luis Álvarez, nunha xuntanza este luns. Os socialistas prevén manter o voto afirmativo no marco do "acordo institucional" co PP para renovar estes dous postos e outros dous no Consello de Contas, mentres que o BNG se desmarcou aludindo á sentenza, agora firme, que condena a CRTVG por represalias a un traballador.
