ÚLTIMA HORA | A Audiencia fixa unha indemnización de 1.573 millóns para o Estado polos danos do Prestige. A sala acorda o abono de 61 millóns a Francia e de 1,8 á Xunta polos gastos de reciclaxe do fuel. Consulta aquí toda a información
Fálase
A Xustiza confirma o procesamento do PP pola destrución dos ordenadores de Bárcenas. A Audiencia de Madrid desestima os recursos formulados pola Fiscalía e polos acusados e segue adiante co caso, no que o partido está procesado como persoa xurídica, así como a súa tesoureira, un avogado e un informático.
O director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, remata o seu contrato e despídese do persoal do museo, cuxo futuro está en debate. O Concello de Vigo convocou unha reunión do padroado e critica o desinterese de Xunta e Goberno central.
Morre un veciño do Porriño nun ataque masivo de avespas velutinas. Foi atacado mentres cortaba unha árbore.
A Igrexa utilizou a lei Aznar para poñer ao seu nome polo menos 30 catedrais que pertencían ao Estado. Os bispos inmatricularon, sen case custo, milleiros de inmobles grazas á reforma da lei hipotecaria do Goberno central de 1998.
A Marcha Mundial das Mulleres únese ás críticas á campaña da Xunta para o 25N e censura "o paternalismo e heteropatriarcado" que transmite. O colectivo lamenta que a Xunta elabore materiais "tan reaccionarios e sexistas".
O xuíz declara a liquidación da concesionaria do Auditorio Mar de Vigo, na que participaban Abanca, Sacyr e Puentes y Calzadas. Inaugurado en 2011 tras un investimento público de 30 millóns e outros 60 millóns da concesionaria, non conseguiu ser rendible. O Concello debe decidir como o xestiona a partir de agora.
O "cumio" con outras autonomías sobre incendios anunciado por Feijóo celebrarase en Oviedo. O presidente da Xunta avanzou no Parlamento que esta xuntanza con Asturias e Castela e León se celebraría en decembro e o presidente asturiano, Javier Fernández, revelou este martes que o encontro será organizado na súa capital.
Un empresario asegura que fixo pagamentos á caixa B do PP a cambio de adxudicacións públicas. Na gravación, difundida pola Cadena SER, escóitase a voz de Rafael Palencia, que foi citado a declarar ante o xuíz que instrúe a causa dos papeis de Bárcenas, nos que se recollía a suposta contabilidade irregular dos populares.
O FIOT de Carballo, o Play-Doc de Tui e o Portal das Palabras optarán este ano ao premio do público do Culturgal. A Feira Galega das Industrias Culturais abriu xa a votación en liña para o galardón, que será entregado no marco da décima edición desta cita, do 1 ao 3 de decembro en Pontevedra.