O grupo de metal vigués Dioivo ponlle música á novela de Xosé Luís Méndez Ferrín Retorno a Tagen Ata, que vén de facer 50 anos, nunha canción na que o propio escritor colabora facendo as narracións. O tema mestura as recitacións de Méndez Ferrín coa guitarra eléctrica e a batería, e as voces melódicas coas voces raspadas propias do metal máis extremo, dando voz aos diferentes personaxes da obra.
Fálase
O DOG fai oficiais os días festivos de ámbito galego de 2022. Entre os habituais non figura o 1 de maio e o 25 de Nadal por cadrar en domingo.
A Xunta endurece as restricións ante o incremento de casos de COVID en Galicia. Dende este sábado Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa pasan a estar no nivel alto, no que xa se atopaba Sarria e que abandona Carnota (pasa ao nivel baixo). Culleredo, Ribadavia, Ourense, Barbadás, Caldas de Reis, Poio, Pontevedra, Marín, Redondela e Salceda de Caselas situaranse no nivel medio de restricións, mentres que os restantes concellos galegos estarán no nivel baixo.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID dende o 10 de xullo
A Policía Nacional informa da detención de tres persoas "de entre 20 e 25 anos, veciños da Coruña" como "presuntos autores da agresión violenta que acabou coa vida de Samuel Luiz". Polo momento, non transcenderon máis detalles destas detencións.
O Festigal tampouco se celebrará neste 2021. A organización do evento, promovido anualmente pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova en Santiago en torno ao Día Nacional, adíao a 2022 por "responsabilidade ante a pandemia da covid-19, pois as medidas de prevención sanitaria non permiten ser fieis ao espírito co que foi ideado este evento para dispor dunha experiencia segura, diversa e libre". A organización agarda poder "relanzalo" no ano vindeiro. Na imaxe, un dos concertos de 2019 (CC BY-NC-SA Festigal)
A Xunta fai oficial que persoal non funcionario poida dirixir grupos de traballo cos que xestionará fondos europeos. O DOG publica este martes o acordo adoptado polo Consello da Xunta hai tres meses avanzado unha semana antes por Praza.gal. É unha máis das diversas mudanzas no emprego público e privatizacións de funcións que ata agora desenvolvía a administración que se iniciaron coa Lei de Reactivación Económica aprobada a comezos de ano. Aquí podes repasar as diversas informacións que estamos elaborando sobre esa norma.
Morre aos 78 anos a cantante italiana Raffaella Carrà. "A súa risa inconfundible e o seu extraordinario talento brillarán para sempre", di o seu compañeiro, que confirmou o pasamento á axencia de noticias Ansa. (Imaxe. CC BY-SA El Hormiguero)
Acordo entre a TVG e a irlandesa RTÉ para emitir as semifinais e finais do torneo All-Ireland de fútbol gaélico con comentarios de xogadores da liga galega. Fíxoo público a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, que aplaude "que este gran evento vaia a ser retransmitido pola TVG por ser "unha colaboración pioneira entre a televisión publica galega e a irlandesa" e "permitir ao público galego coñecer como é o fútbol gaélico de máximo nivel". (Imaxe: RTÉ)
Na madrugada deste luns comeza a campaña de pesca do polbo, que estará aberta ata algún momento de 2022 aínda non determinado.
- HEMEROTECA (2018) | O Oceanográfico de Vigo confirma que deu reproducido o polbo en catividade
A XIII Festa da Palabra na Insua dos Poetas homenaxea a Lorca e os seus seis poemas galegos no 85 aniversario do seu asasinato.