Nace 'Fóra casas de apostas': "Loitar contra o xogo é loitar contra os grandes intereses do fútbol moderno"

Presentación da plataforma 'Fóra casas de apostas' CC-BY-SA Praza.gal

Os salóns de apostas estendéronse nos últimos anos polas cidades e vilas galegas, sobre todo polas zonas urbanas máis poboadas e os barrios residenciais e populares, ata un total de 159. A Coruña e Vigo suman entre as dúas medio cento de establecementos, aos que hai que sumar as máis de 3.000 máquinas de apostas esparexidas en bares e cafeterías de toda Galicia.

A plataforma inicia a súa andaina convocando unha manifestación o vindeiro venres 14 de febreiro

Nos últimos meses a Xunta decidiu poñer couto, de forma temporal, á expansión destes salóns, que están a provocar serios problemas de ludomanía, e afectando de forma importante á mocidade, como denuncia a Asociación Galega de Xogadores de Azar: "As apostas normalizáronse como unha forma de ocio máis dos nosos rapaces". Tamén o novo Goberno central, no que Alberto Garzón ocupa o Ministerio de Consumo, prepara medidas para controlar os efectos do xogo, relativas ao control da publicidade ou aos horarios dos salóns de apostas.

Nos últimos meses en varias localidades galegas a veciñanza comezou a organizarse para evitar a apertura de novos salóns ou para esixir o peche dos existentes. Así sucedeu no barrio vigués de Navia, en Redondela ou na Coruña. Agora vén de presentarse na cidade herculina a plataforma 'Fóra casas de apostas', que traballará para buscar o peche de todos os salóns (ao redor de 29) e a retirada dos terminais de apostas dos bares e cafeterías (318 máquinas en total na Coruña), sumando un total de 166 espazos físicos nos que calquera persoa pode apostar.

A mobilización busca “seguir aglutinando forzas e creando tecido social contra esta ameaza”, que é “algo que afecta a toda a cidade e nomeadamente á clase obreira”

Na cidade, aínda que o Concello ordenara o peche de máis dunha decena de casas de apostas na cidade, por careceren de permiso municipal, a maior parte reabriu case de inmediato, valéndose dunha autorización da Xunta coa que a maioría xa contaba previamente, pero que non presentara con anterioridade.

A plataforma inicia a súa andaina convocando unha manifestación o vindeiro venres 14 de febreiro. A marcha partirá da Praza de Pontevedra ás 19.30 horas. A mobilización busca “seguir aglutinando forzas e creando tecido social contra esta ameaza”, que é “algo que afecta a toda a cidade e nomeadamente á clase obreira”, sinala Miguel García, que engade que o obxectivo é “rematar con esta lacra na cidade da Coruña”. A convocatoria está ilustrada coa coñecida patada que Eric Cantona lle propinou en 1995 a un hooligan que estaba a lanzar berros xenófobos.

A plataforma 'Fóra casas de apostas' convoca unha manifestación para o 14 de febreiro CC-BY-SA Praza.gal

Consideran que as medidas anunciadas polo ministro Alberto Garzón nos últimos días non son suficientes: "pode ser un método paliativo, pero non vai rachar de pleno coa situación"

A plataforma iniciou tamén contactos co resto de plataformas que existen en Galicia, como a de Santiago de Compostela, que se mobilizará o vindeiro 19 de febreiro, e a de Redondela, que leva a cabo mobilizacións cada luns.

Consideran que as medidas anunciadas polo ministro Alberto Garzón nos últimos días non son suficientes. "Pode ser un método paliativo, pero non vai rachar de pleno coa situación", di Miguel García. De igual xeito, Antía García salienta que "non abonda non limitar a publicidade en televisión e radio. Non hai que esquecer os millóns de euros que as empresas de apostas invisten en publicidade, unha publicidade que tamén se dá noutros soportes, comezando polos equipos deportivos". E sobre a limitación de horarios proposta para os salóns, sinala que "a mocidade ten outras vías para apostar: acudir aos salóns despois das dez da noite, as apostas online e tamén as terminais dos bares".

"Non só imos apostar polo peche e a prohibición, senón que reivindicamos un ocio distinto para a mocidade. Un ocio afastado das casas de apostas, do lucro e do consumo",

"O obxectivo é o peche total destes establecementos e non imos parar as mobilizacións ata acadar este obxectivo, que é a única vía para que esta situación cambie", comenta Antía García. "Pero non só imos apostar polo peche e a prohibición, senón que reivindicamos un ocio distinto para a mocidade. Un ocio afastado das casas de apostas, do lucro e do consumo", di.

"Polo tanto non é só cuestión de prohibir" -destaca- "porque cando prohibes a xente que ten unha adicción sempre atopa vías para o consumo e que moitas veces son máis negativas. Por isto hai que incidir no tipo de ocio que se lle ofrece á mocidade, que alternativas lles damos. Vemos que, por exemplo, o ocio deportivo cada vez está máis privatizado e custa máis acceder a el, non temos tantos equipos de barrio como podiamos ter antes", comenta.

"É moi complicado loitar contra uns intereses privados tan fortes coma os das empresas de xogo e apostas. Cando loitas contra as apostas estás loitando contra o tecido do fútbol moderno"

Pola súa banda, Miguel García subliña que "é moi complicado a día de hoxe loitar contra uns intereses tan fortes coma os das empresas de apostas. Cando loitas contra o xogo e as apostas estás loitando contra o tecido e os grandes intereses do fútbol moderno". Lembra, neste senso, que na Coruña "o Goberno local pretendía vetar a proliferación das casas de apostas, pero as empresas de apostas sempre atopan baleiros legais para manter a súa actividade e seguir estendéndose". "A solución vai vir dende dende as rúas, dende a xente organizada, sobre todo nos barrios obreiros, que se ten que mobilizar contra elas e forzar o seu peche", conclúe.

Cartel da manifestación convocada o 14 de febreiro por 'Fóra casas de apostas' © Fóra casas de apostas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.