Lula vence e proponse "acabar outra vez com a fome" e protexer a democracia do Brasil

Mitin de Lula da Silva o 21 de outubro de 2022 en Juiz de Fora (Minas Gerais) © Candidatura Lula da Silva

"A maioria do povo brasileiro deixou bem claro que deseja mais e não menos democracia". Se algo ficou claro na longa carreira electoral brasileira é que nos comicios que veñen de finalizar estaba en xogo algo máis que o nome do presidente. A continuidade do ultradereitista Jair Bolsonaro no poder era visto por moitos sectores como unha ameaza real para as liberdades democráticas no país e así o lembrou Luiz Inácio Lula da Silva no seu discurso como vencedor das presidenciais deste 2022.

"O povo brasileiro quer ter de volta a esperança", expresou o presidente electo tras impoñerse ao ultradereitista Bolsonaro co 50,9% dos votos, unha marxe de algo máis de dous millón de sufraxios

O que fora presidente do Brasil polo Partido dos Trabalhadores (PT) entre 2003 e 2011 púxose á fronte dunha ampla alianza, dende a esquerda ao centro e mesmo ao centro-dereita, para tentar frear nas urnas a Bolsonaro. E logrouno finalmente, aínda que fose por unha marxe que os grandes números amosan como estreita: 50,9% fronte a 49,1%; 60,35 millóns e votos fronte a 58,2 millóns cunha participación de case o 80%, segundo os datos do Tribunal Superior Eleitoral do país americano.

"O povo brasileiro quer ter de volta a esperança", expresou Lula no seu discurso da vitoria. Unha intervención de celebración que semellaba tamén inzada de cautelas nun contexto político explosivo, pero que foi tamén un resumo das prioridades políticas dunha presidencia chamada a comezar o vindeiro 1 de xaneiro. "O povo brasileiro quer viver bem, comer bem, morar bem", resume Lula, para quen a "democracia real, concreta", pasa por "acabar outra vez com a fome", dixo en referencia aos seus anteriores mandatos presidenciais.

Lula da Silva deixa claro que o seu goberno situará o Brasil "pronto para retomar o seu protagonismo na luta contra a crise climática", a comezar por "lutar pelo desmatamento zero da Amazônia".

Atrás queda a persecución á súa sucesora na presidencia, Dilma Roussef. Tamén o seu propio calvario xudicial e carcerario impulsado por, entre outros, o xuíz que acabaría sendo ministro con Bolsonario, Sérgio Moro. "A ninguém interessa viver num país dividido, em permanente estado de guerra" e por iso "é hora de baixar as armas" e "trazer de volta a alegria de sermos brasileiros". O "compromiso mais urgente" é a loita contra a fame, reitera, mais tamén a pugna fronte ao racismo e o senfogarismo e de abordar retos que transcenden as súas fronteiras, coma o da crise climática.

Neste sentido, Lula da Silva deixa claro que o seu goberno situará o Brasil "pronto para retomar o seu protagonismo na luta contra a crise climática, protegendo todos os nossos biomas, sobretudo a Floresta Amazônica". No pasado, lembra, "fomos capazes de reduzir em 80% o desmatamento na Amazônia, diminuindo de forma considerável a emissão de gases que provocam o aquecimento global. Agora, vamos lutar pelo desmatamento zero da Amazônia".

Peche da campaña de Lula en São Paulo, flanqueado por Fernando Haddad e José Mujica © Ricardo Stuckert / Candidatura Lula da Silva

"Vamos retomar o monitoramento e a vigilância da Amazônia, e combater toda e qualquer atividade ilegal", advirte o futuro presidente nun contexto no que a axenda ecolóxica é tamén unha axenda de protección cidadá. "Quando uma criança indígena morre assassinada pela ganância dos predadores do meio ambiente, uma parte da humanidade morre junto com ela", resume.

Mentres chegaban os parabéns internacionais, dende os restantes mandatarios da esquerda latinoamericana ata a Casa Branca dos EUA -mensaxe interpretada como unha advertencia a que neste caso as eventuais tentacións golpistas de Bolsonaro non terían aval en Washington-, Lula da Silva bosquexaba tamén a súa axenda global. Porque "o novo Brasil que iremos construir a partir de 1º de janeiro não interessa apenas ao povo brasileiro, mas a todas as pessoas que trabalham pela paz, a solidariedade e a fraternidade, em qualquer parte do mundo".

Entre citas do papa e das súas viaxes internacionais, Lula promete "lutar novamente por uma nova governança global, com a inclusão de mais países no Conselho de Segurança da ONU e com o fim do direito a veto, que prejudica o equilíbrio entre as nações". "Estamos prontos para nos engajar outra vez no combate à fome e à desigualdade no mundo, e nos esforços para a promoção da paz entre os povos", afirma.

Discurso da vitoria de Lula da Silva, este 30 de outubro

Parabéns internacionais

Entre eses parabéns internacionais están tamén os do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. "Parabéns pela vitória nesta eleição na que o Brasil decidiu torcer pelo progresso e a esperança. Vamos trabalhar juntos pela justiça social, a igualdade e contra as mudanças climáticas. Seu sucesso vai ser do povo brasileiro", escribiu nas redes sociais en español e portugués. 

Celebración da vitoria de Lula, na avenida Paulista de São Paulo este 30 de outubro de 2022 © Ricardo Stuckert / Candidatura Lula da Silva

Dende Galicia, no momento da elaboración desta información o presidente da Xunta non se pronunciara. Si o fixera a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen xa desexara "toda a sorte" a Lula da Silva. "Ábrese de novo un tempo para demostrar que outro Brasil e outro mundo é posíbel!", agregou aos seus parabéns a líder do Bloque, representado na xornada electoral brasileira pola súa eurodeputada, Ana Miranda. Tamén o PSdeG celebra o resultado e trasladou os seus parabéns a Lula e ao pobo brasileiro por unha vitoria "que permitirá a este gran país recuperar a senda de progreso e da xustiza social que nunca debeu ter abandonado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.