> Nova música galega

Crítica de novidades musicais galegas (e algúns clásicos) a cargo de Noel Feáns

  • Carabela : A noite

    Hai discos cos que cantar. Hai discos cos que bailar. Hai discos para te acompañar. E despois están os discos cos que fechar os ollos e viaxar. A noite, o segundo traballo das noiesas Carabela, entra por dereito propio nesta última categoría, na dos discos que te transportan, nunha viaxe conceptual de pop, electrónica, tradición e vangarda cara territorios aínda virxes na música galega.

  • Xosé Constenla : Para non esquecer

    Xosé Constenla estrea Para non esquecer, unha colección de cancións gravadas ao vivo no campo de concentración da Pobra de Caramiñal nas que fai unha crónica luminosa da etapa máis escura da nosa Historia recente. Un álbum necesario co que recuperar e humanizar a memoria perdida, poñendo nomes, razóns, vidas e anceios ás vítimas da barbarie.

  • Nadie González : Noctiluca Scintillan

    Nadie Gonzalez estrea Noctiluca scintillans, un delicioso álbum de debut que navega entre o poético e o reivindicativo e no que abrolla un talento vocal, lírico e musical que posiciona a MC viguesa na vangarda do novo Rap Feminino Galego.

  • Malabesta : Cabezas de dragón

    Cabezas de dragón é o primeiro traballo de Malabesta, unha famenta criatura liderada por Vituco Neira que pese habitar nas profundidades do folk de raigame céltica adoita saír da súa gorida na percura de novos alimentos, sexan en forma de bluegrass, de rockabilly, de blues ou mesmo de ska.  

  • Eric Dopazo : Sobrábannos ganas

    Di Éric Dopazo que os seus Piratas sen Parche fan música para escoitar no sofá pero con pantalón de pinzas e tirantes. Unha querencia polo vintage que se materializa no seu primeiro EP en forma de catro cancións de raigame folk-country coas que aborda con carraxe a sentido do humor a partes iguais temáticas tan pouco antigas coma a gordofobia, a manipulación na TVG ou a homofobia.

  • Grampoder : Amuleto

    Grampoder estrean Amuleto, un novo album no que a proposta minimalista de guitarra e a batería volta ser o sólido armazón que sostén o seu discurso tinguido de desencanto, carraxe e frustración xeracional. Un cuarto disco que confirma o combo formado por Martin Wu e LeRoi coma unha das propostas máis sólidas da escena.

  • Boyanka Kostova : Foliada no inferno

    Boyanka Kostova estrean Foliada no Inferno, o seu quinto disco longo. Un álbum no que sen renunciar ao trap dos seus comezos ensanchan a fórmula con novos estilos e ritmos, algúns deles inéditos até o de agora na escena do País.

  • Pauliña : Galego Is Not Dead

    Máis de tres décadas separan o mítico Galician People Speak Galego de Yellow Pixoliñas do Galego Is Not Dead, o novo disco de Pauliña. Dous títulos afastados por máis de tres décadas entre os que trazar unha liña temporal ao longo da que perceber que algunhas cousas teñen mudado para ben e outras, as máis, continúan -imparables- polos vieiros das inercias da nosa Historia.

  • Orquestra Bravú Xangai : Os saxofóns de Occidente

    A Orquestra Bravú Xangai fai o seu debut con Os saxofóns de Occidente, unha ambiciosa singradura con amarres estilísticos en peiraos de medio mundo na que Xurxo Souto, o xenuíno godfather da nova música galega, capitanea a un grupo de veteranos lobos de mar para asinar un disco atemporal artellado arredor da troula, a reivindicación e o tributo.

  • Leria : Marusía

    As herculinas Leria debutan con Marusía, un catálogo de preciosismo pop no que amosan que pese a súa idade van sobradas de oficio e talento, posicionándose coma unha das novísimas bandas a ter máis en conta nos anos vindeiros.

  • Devalo : Azul vindeiro

    Dende Gales e da man dese fértil laboratorio musical ártabro que é Ferror Records chega Azul Vindeiro, o novo traballo de Devalo, o proxecto en solitario de David Miranda. Un terceiro disco no que o ex-Nouvelle Cuisine afía a fórmula até atopar o equilibro perfecto entre o pop e a electrónica, entre a saudade e os azos parar bailar.

  • The Rapants : La Máquina del Buen Rollo

    Semella que terse somerxido para a gravación do novo disco nas mesmas augas -literalmente- que Nacho Vegas, Lori Meyers ou Bunbury tenlle proporcionado novos superpoderes a unha das franquicias estrela do metaverso da nova música galega™