A falta de diálogo Xunta-Estado e a busca de rédito político lastran o tren galego desde a autonomía, constata unha tese doutoral

Un tren circula sobre o viaduto do Ulla do AVE Ourense-Santiago, elevado sobre o viaduto la liña convencional Dominio Público Adif

O traballo desenvolvido polo xeógrafo galego Mateo Varela Cornado na Universidade de Toulouse apela a unha maior implicación da Xunta na planificación ferroviaria e na integración co transporte por estrada da súa competencia

“Malia os importantes avances durante os últimos anos, continúan existindo unha serie de deficiencias moi contrastadas, especialmente na súa gobernanza. Desta maneira, o ferrocarril continúa nunha posición secundaria”. Así resume o propio autor, o xeógrafo galego Mateo Varela Cornado, a tese doutoral que defendeu o pasado ano na Universidade de Toulouse e que vén de publicarse baixo o título Ferrocarril e territorio en Galicia: unha análise da gobernanza contemporánea.

A investigación analiza o desenvolvemento ferroviario de Galicia entre a chegada da autonomía, en 1981, e a inauguración da liña de alta velocidade coa Meseta, en 2021. Nela conclúese que a falta de diálogo entre a Xunta e o Goberno de España e a busca de rédito político segundo quen goberne cada administración lastraron o tren en Galicia nestes anos. Para reverter a situación o autor propón unha maior implicación da Xunta na planificación ferroviaria e na integración co transporte por estrada da súa competencia.

Autoridades na inauguración do AVE entre Galicia e a Meseta o 20 de decembro de 2021 © Casa Real

A tese, que analiza os plans oficiais en materia de infraestruturas aprobados nas últimas décadas e entrevista a diversos responsables políticos e expertos, evidencia eivas na planificación a todos os niveis, estatal, galego e local, non sempre constantes na historia recente de Galicia. Así, sinala como nos anos 90 do pasado século, con Manuel Fraga como presidente e Xosé Cuíña como conselleiro de infraestruturas, “existía unha proposta elaborada pola Xunta de Galicia co fin de conseguir unha maior competitividade do ferrocarril interno e igualmente unha cohesión territorial”. 

A tese sinala que nos anos 90 do pasado século a Xunta tiña unha proposta para mellorar o ferrocarril, pero despois a alta velocidade converteuse no novo paradigma, foi empregada como arma política e o Goberno galego cedeu ao Estado toda a iniciativa

Porén, engade, co inicio da alta velocidade “asumiuse por parte da clase política e a sociedade civil que esta era a única vía de modernización posible para a rede ferroviaria”. Iso levou a un “localismo político” no que as principais urbes reclamaron ao Estado liñas directas ou prioridade na alta velocidade ao tempo que a Xunta foi renunciando a un modelo ferroviario propio. “A pesar de tímidas mostras de vontade durante o bipartito (2005-2009) ou os primeiros meses de Agustín Hernández no seu cargo de conselleiro [de Feijóo desde 2009], a Xunta non volveu dispoñer dun modelo ferroviario”, ausencia que “provoca que sexa a proposta polo ministerio a única que se materialice”.

Ante esta situación, o tren pasou a ser un arma de confrontación política: “Ao non amosar [a Xunta] unha intención por entrar na súa xestión e planificación de maneira directa, todas as deficiencias ou problemas poden ser achacadas ao Goberno central”. 

Uns executivos centrais nos que a tese recoñece o papel do ex-ministro socialista José Blanco e a popular Ana Pastor para o impulso das liñas de alta velocidade galegas, eido no que tamén hai lembranzas aos seus aspectos negativos como o accidente de Angrois ou os traballadores mortos durante as obras de construción.

Tese doutoral sobre a xestión política do ferrocarril en Galicia nas últimas décadas © Mateo Varela Cornado

Pero ao tempo, coa aparición da alta velocidade como paradigma ferroviario, a Xunta deixou de reclamar “co mesmo entusiasmo” o ferrocarril de proximidade polo que din apostar as súas propias Directrices de Ordenación do Territorio. Un ámbito, o metropolitano, no que a tese tamén salienta eivas de planificación por parte dos concellos, con demoras na construción das estacións intermodais e na planificación e execución de actuacións urbanas da súa competencia ligadas ás melloras ferroviarias. 

O traballo tamén sinala a ausencia dun organismo de diálogo permanente Xunta-Estado, o que deixou en mans alleas ás administracións foros parciais e sen continuidade no tempo de debate sobre o tren

A tese doutoral interrelaciona a falta de coordinación entre administracións co uso dos transportes como arma política e a ausencia dun organismo de diálogo permanente. Nese último aspecto sinala que “soamente se realizan de maneira puntual certos eventos semellantes a seminarios ou foros de diálogo, e na práctica maioría promovidos por actores externos á administración (universidades, empresarios, plataformas cívicas)” ou sen percorrido no tempo, como o comité para aproveitar economicamente o AVE anunciado hai un ano por Feijóo e do que non volveu saberse

Acto político en Ourense o 14 de xaneiro de 2022 no que Feijóo anunciou un "comité multidisciplinar" para aproveitar economicamente a chegada do AVE a Galicia do que non volveu saberse CC-BY-SA Xunta de Galicia

A tese remata lembrando que o galego é “un sistema de mobilidade débil, tanto para os desprazamentos diarios como ocasionais” no que “a pesar da chegada da alta velocidade, a ausencia dunha gobernanza transversal implica un déficit de oportunidades que afecta tanto á vertebración nas principais áreas urbanas como na totalidade de Galicia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.