A finais de novembro de 2022 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou integramente a legalidade da ordenanza de uso do galego no Concello da Coruña, que un ano antes deixara de ser a única das principais cidades galegas sen unha normativa propia de normalización do idioma. Freaba así as pretensións dun colectivo denominado Hablamos Español.
Malia ao fracaso, a marca baixo a que opera a asociación noutrora publicitada como Galicia Bilingüe xunto a algunha outra organización semellante doutros puntos do Estado queimou un último cartucho no Tribunal Supremo. Pero volveu fracasar, polo que queda definitivamente blindada a ordenanza que fixa preceptos como garantir o dereito da veciñanza a ser atendida polo Concello en lingua galega se así o desexa.
Nunha providencia datada no pasado 24 de abril, adiantada por La Opinión de A Coruña e á que tamén puido ter acceso Praza.gal, a sección primeira da sala do contencioso-administrativo do TS decidiu inadmitir o recurso de Hablamos Español porque, entre outros motivos, a organización "non xustificou de forma suficiente" no seu escrito que supostas "infraccións" da sentenza do Tribunal Superior galego fosen "relevantes e determinantes".
O TS inadmite o recurso da marca baixo a que opera a antigua 'Galicia Bilingüe' contra a sentenza do TSXG que xa considerara plenamente legal a ordenanza coruñesa de normalización lingüística, que fixa preceptos como o derereito á atención en galego no Concello
Indica ademais o Supremo que a organización contraria ás medidas de normalización do galego "obvia" que o TSXG deixou claro que non é posible identificar de maneira "substancial" a ordenanza da Coruña coa redacción orixinal da aprobada en 2012 polo Concello de Lugo. Naquel caso, un litixio provocado por Galicia Bilingüe si obrigou a modificala parcialmente.
Asemade, resalta a providencia, os recorrentes tampouco "fundamentaron" no seu escrito que, conforme á lei, sexa "conveniente" que o Supremo se pronuncie neste caso para unificar doutrina. Neste asunto, dispoñen, non dan argumentado a "conveniencia da admisión do recurso dende o punto de vista da formación de xurisprudencia". Por todo isto, esta resolución -contra a que xa non cabe recurso- frea a pretensión de Hablamos Español e imponlles as custas procesuais cun límites de 1.000 euros máis IVE.
Un milleiro de nenas e nenos no XXIV Correlingua, o 10 de maio
O goberno local coruñés vén encadrando o desenvolvemento desta ordenanza no seu "compromiso co fomento do uso do galego na cidade", principio ao que volveu aludir este luns na presentación da vixésimo cuarta edición do Correlingua, que celebra a súa edición coruñesa o 10 de maio -íase celebrar o día 3, pero foi adiado polo temporal previsto para esa xornada. Na carreira está previsto que participen arredor dun milleiro de nenas e nenos.
O consistorio encadra o seu apoio ao Correlingua no "compromiso co fomento do uso do galego na cidade"
Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura, presentou xunto a Celia Armas (A Mesa) e Suso Bermello (CIG Ensino) unha iniciativa que, di, "ten unha grande importancia" para o Concello porque "permite manter moi viva a lingua galega entre as próximas xeracións". Este ano o lema do Correlingua é Dende aquí até acolá, galego xa!
A convocatoria deste ano principia ás 11 da mañá do venres na contorna do Palacio dos Deportes de Riazor. As crianzas participantes percorrerán o paseo marítimo ata a Torre de Hércules, onde se celebrará unha festa final ao carón da estatua de Breogán.