O goberno do PP en Ferrol cancela o galego nos contratos do Concello

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, nunha xuntanza con Rueda na delegación ferrolá da Xunta en outubro de 2023 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A de Ferrol é a única alcaldía do PP nas sete principais cidades. Osténtaa o tamén senador e ex-conselleiro José Manuel Rey Varela, que regresou o pasado 2023 ao posto que perdera en 2015. Malia contar coa maioría absoluta que lle permitiu o retorno á alcaldía, o goberno ferrolán non aprobou os seus Orzamentos de 2024 ata este pasado martes -dotados con 92 millóns de euros-. E tampouco puxo en marcha ata esta semana os seus plans para a "simplificación e axilidade administrativa", entre os que se inclúe a cancelación da lingua galega nos contratos do Concello.

O consistorio ferrolán pasa a redactar os contratos "exclusivamente en lingua española" aludindo motivos de "axilidade", segundo unha instrución interna que entra en vigor este 11 de abril

Segundo a instrución ditada este pasado 10 de abril polo concelleiro de Promoción Económica, Javier Díaz, e mais polo coordinador xeral do goberno local, Manuel Vázquez, a "situación na que se atopa o Concello de Ferrol" obriga a "tomar unha serie de medidas para a súa corrección" para "reducir determinados trámites innecesarios" ou dotar da "maior axilidade posible" a "actividade contractual". É neste punto no que encadran a decisión de pasar a redactar os contratos só en castelán.

Instrución do Concello de Ferrol que impón a redacción dos contratos unicamente en castelán dende este 11 de abril de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Así, dende este 11 de abril, "en todos os procedementos de licitación que se inicien" no Concello e que "normativamente teñan que ser obxecto de publicación", a "totalidade dos documentos" de cada expediente quedan vetados ao uso do galego. "Redactaranse exclusivamente en lingua española", indica a instrución do goberno de Rey Varela. 

A instrución atribúe erroneamente á lei de Administración Local de Galicia un precepto que era doutra lei que non está vixente dende 2016

O gabinete do PP xustifica a decisión en que a lei da Administración Local de Galicia encomenda tamén aos concellos "o uso do galego escrito nas relacións coa cidadanía". Pero "engadindo que este principio" terá que aplicarse sen "prexuízo do dereito de non discriminación por razóns de lingua", di en castelán o documento. 

En realidade, esa cita é da lei galega de transparencia do ano 2006, que non está vixente dende 2016, cando se aprobou a actualmente en vigor. Todo apunta a que esta referencia errónea se debe a unha transcrición deficiente dun acordo da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa (XCCA) -dependente da Consellería de Facenda- datado no ano 2013. 

Aprobación dos Orzamentos para 2024 no Concello de Ferrol, este 9 de abril © Concello de Ferrol

Semella tamén que a instrución ferrolá bebe dese acordo de 2013 para, a continuación, xustificar a cancelación en que o galego "non é lingua oficial da UE". E en que que na Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello se indica que "para os documentos dirixidos directamente aos organismos centrais de ámbito estatal ou supraestatal", o Concello se aterá "ao previsto nas disposicións vixentes". O acordo da XCCA en 2013, entre outros aspectos, apostaba por que "os pregos dos expedientes de contratación suxeitos a publicidade comunitaria sexan redactados, ademais de en idioma galego, nun idioma oficial da UE".

O gabinete do PP xustifica a decisión en razóns como que o galego non é lingua oficial da UE e que debe remitir en castelán os documentos para a Plataforma de Contratos do Sector Público do Estado

Nese sentido, o goberno do PP en Ferrol apóiase en que as contratacións que o Concello divulga na Plataforma de Contratos do Sector Público -de ámbito estatal- atende á directiva europea segundo a cal os anuncios deben publicarse nalgún idioma oficial da Unión. Ata agora, o consistorio departamental estivo subindo información e documentación en galego a esa plataforma sen maiores incidencias, ao xeito do que fan moitas outras administracións de Galicia.

Dáse a circunstancia de que esta controvertida medida do único goberno urbano do PP chega xusto cando no Parlamento se está a celebrar o debate de investidura, que este xoves reelixe a Alfonso Rueda como presidente. No seu discurso inicial, o pasado martes, Rueda avanzou que prevé dotar de maior "peso" a área de Política Lingüística no novo Goberno, ademais de subliñar que o noso idioma é "extenso" e "útil" en todos os ámbitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.