A Xunta desculpa que Monbus non pare nunha parroquia de Noia polas "novas características" da Ponte Nafonso que ela decidiu

A Ponte Nafonso tras a súa remodelación pola mesma Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que agora xustifica que complica o paso dos autobuses de Monbus CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsou unha polémica reforma da ponte medieval e agora di que o resultado “complica a circulación dos autobuses de maior tamaño” dunha liña de longa distancia que ela mesma fixo pasar por ese lugar

Monbus non dá servizo nunha parroquia de Noia pola que debera pasar a liña Santiago-Muros que lle adxudicou a Xunta porque “as novas características” da Ponte Nafonso, que cruza o río Tambre entre ese concello e o de Outes, “complican a circulación” dos seus autobuses. Así o vén de xustificar oficialmente ante o Parlamento de Galicia a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a mesma consellería que reformou esa ponte medieval cunha intervención polémica polo cambio radical de aspecto que conferiu á infraestrutura.

A consellería tamén xustifica que os autobuses que se empregan nesa liña son demasiado grandes por ser de longa distancia, pero tamén foi ela mesma quen deseñou as características da liña.

A Ponte Nafonso antes da súa remodelación e, ao fondo, a ría de Muros e Noia e a nova ponte da estrada xeral CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Veciñanza da localidade da Ponte Nafonso, na parroquia noiesa de Roo, na beira sur do Tambre, comezou a mobilizarse hai un par de anos polos incumprimentos de Monbus, adxudicataria da liña Santiago-Noia-Muros que nalgún dos seus servizos diarios ten a obriga de pasar polo lugar e cruzar o río pola vella ponte e non pola nova da estrada xeral afastada da poboación máis de 2 quilómetros. O BNG, que vén denunciando os incumprimentos de Monbus en toda Galicia, fíxose eco das queixas veciñais e presentou unha pregunta escrita no Parlamento na que criticou que a empresa “cancelou unilateralmente as rutas aludindo ás obras de rehabilitación da ponte, motivo que, no entanto, non impediu a outras empresas seguir prestando os seus servizos con normalidade”. 

A ponte estivo en obras entre o verán de 2021 e o de 2022, “mais Monbus tampouco reanudou o servizo daquela malia que na páxina de bus.gal, da propia Xunta, seguían publicitados os seus servizos nesa ruta”. Segundo BNG, o departamento de Mobilidade da Xunta respondeu o pasado decembro á veciñanza que se queixara que a empresa debía retomar o servizo “axustándose á configuración da oferta actual aprobada, procedendo a realizar a parada denominada A Ponte de Nafonso”. Pero iso seguiu sen pasar e en febreiro o BNG pediu explicacións formais no Parlamento.

Resposta oficial da Xunta a unha pregunta sobre os incumprimentos de Monbus en Ponte Nafonso, Noia CC-BY-SA Praza Pública

A resposta oficial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xustifica agora que Monbus non dea servizo a Ponte Nafonso porque “nesa localidade existe unha situación particular derivada das condicións da vía que está a dificultar a prestación dos servizos de transporte público con normalidade”. Segundo a Xunta, “as novas características da ponte complican a circulación dos autobuses de maior tamaño, que son os que se empregan nos servizos da concesión a que se fai referencia por tratarse de liñas de longo percorrido e alta demanda”

Cando reformou a ponte a mesma consellería asegurou que manteria a súa "funcionalidade", pero agora alega que as novas características "complican" a circulación

Porén, foi a mesma Consellería de Infraestruturas e Mobilidade quen deseñou a liña que pasa por Ponte Nafonso coas características de longa distancia que agora esgrime. E foi a mesma consellería a que reformou a ponte coas características que agora di que complican a circulación dos autobuses. 

Son unhas características que contaron coa aprobación do departamento de Patrimonio da Xunta malia o radical cambio de imaxe da ponte medieval, o que provocou protestas da veciñanza. E unhas características que a propia Xunta argumentou que supuñan combinar o coidado e posta en valor da ponte coa súa “funcionalidade”. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.