O vindeiro 5 de outubro comeza o xuízo polo accidente do tren Alvia en Angrois, onde morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas o 24 de xullo de 2013. Estímase que durará arredor dun ano, polo que a verdade xudicial do acontecido non chegará, como mínimo, ata unha década despois do sinistro.
Dende o pasado verán coñécese que as sesións do xuízo, que requiren dun espazo amplo pola gran cantidade de persoas que acudirán representando as partes implicadas (cuns 120 avogados e procuradores, sinalou o Tribunal Superior), se celebrarán en instalacións da Cidade da Cultura, en Santiago. A decisión do emprazamento correspondía á Xunta e a súa demora provocou que o proceso para organizar o xuízo quedase "paralizado" durante a pasada primavera.
Foi o pasado xuño cando Diego Calvo, novo vicepresidente segundo do Goberno galego que substituíu ao agora presidente Alfonso Rueda como conselleiro con competencias en materia de Xustiza, confirmou a elección do Gaiás para celebrar o xuízo de Angrois e o comunicou "formalmente" ao xulgado.
A Vicepresidencia da Xunta transfire algo máis de 403.000 euros para sufragar a "xestión e desenvolvemento" do xuízo polo sinistro, que comeza en outubro e se prolongará arredor dun ano. A organización atrasouse pola demora do Goberno galego en confirmar onde se celebraría
Tamén foi durante o mes de xuño cando a Xunta -oficialmente aínda a través da estrutura orgánica do Goberno de Feijóo, mediante a Vicepresidencia Primeira de Rueda- decidiu encomendar á Fundación Cidade da Cultura a "xestión e desenvolvemento" do xuízo. Foi mediante unha encomenda de xestión, figura contemplada na lei para cando unha entidade pública encarga a outra un labor determinado "por razóns de eficacia ou cando non se posúan os medios técnicos idóneos para o seu desempeño". Polo momento, o documento íntegro da encomenda non foi publicado na área correspondente do portal de transparencia da Xunta.
Esa encomenda leva aparellada un desembolso económico que o departamento agora dirixido por Calvo formalizou a través dunha modificación orzamentaria no mesmo mes de xuño. Nesa operación trasladou 403.762,41 euros da partida de imprevistos a unha nova partida denominada Encomenda xestión accidente tren Alvia, segundo consta nun informe rexistrado no Parlamento o pasado 18 de agosto.
Con eses fondos a Xunta sufragará a infraestrutura dun xuízo no que comparecerán como acusados o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. O condutor despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois, onde non había ningún sistema automático que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. O antigo directivo está acusado polo xuíz instrutor -co aval da Audiencia da Coruña- e o fiscal de non avaliar o risco alí existente.
Para cada un dos acusados o fiscal pide catro anos de cadea. É a condena que considera axeitada para os delitos que lles atribuíu o peche da instrución: 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional 144 de lesións polo mesmo tipo de imprudencia