Xa hai algún tempo que a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e Madrid cotiza á baixa como ferramenta electoral. Agás un tramo de menos de 15 quilómetros ás portas da cidade de Ourense, a liña está practicamente rematada e a última guerra de datas, que a Xunta e o Goberno de Rajoy amagaron con lanzar forzando a promesa de 2019 "en probas" co remate efectivo para 2020 tampouco tivo especial éxito.
Ás portas da nova prohibición preelectoral de actos para presentar logros gobernamentais, o ministro Ábalos visitou o treito do AVE Madrid-Galicia de inminente apertura, 110 quilómetros de Zamora a Seabra
Todo isto non impediu, así e todo, que o tren rápido volva ser materia preelectoral unha vez confirmado que o vindeiro 10 de novembro se celebrarán outra vez eleccións xerais. Cando queden convocadas oficialmente, o martes 24, os dirixentes gobernamentais volverán ter prohibido participar en actos como o protagonizado o pasado mércores polo ministro de Fomento en funcións.
José Luis Ábalos viaxou a bordo dun tren de probas entre Zamora e Pedralba de la Pradería, onde se atopa o cambiador de ancho de vía que permitirá chegar a este concello da Seabra dende Madrid polo trazado de alta velocidade e, dende alí, continuar ata Ourense pola vía convencional ata que se rematan as novas. En total, 110 novos quilómetros que estarán operativos en canto conclúan as probas e dea o seu visto e prace a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, reducindo a viaxe total en case unha hora.
A inminencia no remate das obras e a sombra do accidente de Angrois propician que o Ministerio evite falar de datas concretas de posta en servizo
Das verbas de Ábalos, que estivo acompañado por responsables da Xunta e da Junta de Castilla y León, cabe deducir que Fomento non desbota demoras dalgúns meses nestas probas. No entanto, a inminencia do remate dos traballos e a sombra do accidente de Angrois propician que o Ministerio evite falar de datas concretas de posta en servizo, tanto en discursos políticos como na documentación oficial, o cal mesmo xa suscitou reproches da Comisión da Competencia. O Goberno central e Adif en particular "pon toda a carne no asador para completar o AVE galego o antes posible", limitouse a afirmar. A Xunta, pola súa banda, di esperar "que se cumpran os prazos".
Tren ata Lugo e néboa do Fiouco
Na mesma visita o titular de Fomento aproveitou para avanzar a previsión de que "este mes" o Consello de Ministros do Goberno en funcións dará luz verde á contratación dos traballos de electrificación do treito ferroviario entre Monforte e Lugo que, unida ao xa electrificado dende Ourense, permitirá mellorar a liña entre as dúas principais cidades do interior galego. Trátase, así e todo, dun proxecto afastado do AVE Ourense-Lugo prometido por diversos gobernos dende hai anos sen que, en rigor, chegase a existir.
Sen saír da provincia de Lugo, e tamén no tempo de desconto antes da prohibición preelectoral de celebrar actos para presentar logros e proxectos gobernamentais, o delegado do Goberno central en Galicia desprazábase este venres á capital lucense para presentar a contratación dos prototipos dos inventos para combater a néboa no alto do Fiouco, na autovía A-8. O Ministerio de Fomento lanzárase á procura destes inventos pouco despois do accidente múltiple provocado pola néboa hai media década e o proceso para contratalos avanzou con gran lentitude.