O BNG retirará o apoio á Valedora do Pobo se o PP mantén o veto á súa proposta de adxunto

Fernando de Abel Vilela, proposta do BNG como adxunto á Valedora do Pobo, vetado polo PP pola súa relación previa con Adega © Adega

Os nacionalistas piden que o Parlamento reinicie o procedemento de selección tras o veto popular ao profesor de dereito administrativo Fernando de Abel Vilela, nome que insistirán en propoñer

A Valedora do Pobo está desde comezos de marzo, hai máis de tres meses, sen cargo adxunto co que compartir as súas responsabilidades polo veto do PP a aceptar a proposta formulada polo BNG de que sexa o profesor de Dereito Administrativo Fernando de Abel Vilela. Ante o bloqueo, os nacionalistas veñen de pedir ao Parlamento que reinicie o procedemento de elección, no que insistirán en propoñer o mesmo nome. Se volve ser rexeitado polo PP, o BNG avanza que retirará o seu apoio á propia Valedora, María Dolores Fernández Galiño.

Tras manter a alta comisionada exercendo en funcións durante 16 meses, o PP iniciou a finais do pasado ano o proceso para que a súa titular, Dolores Fernández Galiño, recuncase no posto. E, seguindo o costume parlamentario, ofreceu ao BNG propoñer o cargo adxunto se cos seus votos daba o visto e prace á reelección de Galiño pola maioría cualificada que marca a lei. O Bloque cumpriu a súa parte e a continuación propuxo como adxunto a Fernando de Abel Vilela, pero o PP decidiu vetalo pola súa relación previa coa asociación ecoloxista Adega malia que o propio Parlamento certificou que cumpre os requisitos legais para acceder ao posto.

A retirada de apoio do BNG á Valedora tería un alcance limitado, simbólico, unha vez reelixida para un período de cinco anos, pero en anteriores casos de perda de confianza os valedores acabaron dimitindo

Agora, para tentar desbloquear a situación, o BNG vén de pedir á Mesa do Parlamento que reinicie o procedemento de elección da persoa adxunta á Valedora. E segundo avanzou este mércores a deputada Olalla Rodil, volverá propoñer a De Abel Vilela, pero agora coa esperanza de que o PP si o acepte baixo a ameaza de retirar senón o apoio nacionalista á Valedora. Porén, esa retirada de apoio tería un alcance limitado, simbólico, unha vez reelixida a Valedora para un período de cinco anos. Porén, o consenso co que vén desempeñando a súa función esa institución fixo que os seus responsables acabasen dimitindo nas ocasións anteriores en que perderon a confianza doutros grupos da Cámara máis alá do maioritario.

Sede da Valedoría do Pobo, a carón do Parlamento © Valedor do Pobo

Malia que a anterior adxunta á Valedora do Pobo aceptada en 2019 polo PP foi a ex-deputada socialista María Xosé Porteiro, o presidente Rueda pasou agora a pedir "antecedentes de imparcialidade" para apoiar a proposta que realice o BNG. E este mesmo mércores o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, xa avanzou que a iniciativa do BNG está "condenada ao fracaso". O popular considera tamén "triste" a ameaza nacionalista de retirar o apoio á Valedora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.