Co xuízo penal contra o maquinista e un cargo de Adif aínda pendente de sentenza, a plataforma de vítimas abriu unha segunda causa na vía contencioso-administrativa que o Supremo considera relevante para outras grandes catástrofes
O Tribunal Supremo celebrou este martes unha vista para decidir se a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes actuou de forma legal ao negarse a facer unha análise independente do accidente de Angrois ocorrido o 24 de xullo de 2013. O preito é unha derivada na xurisdición contencioso-administrativa que abriu a plataforma de vítimas do sinistro ante a demora e irregularidades na investigación do caso, cuxo xuízo penal rematou aínda o pasado xullo pero está pendente de sentenza, que se espera coñecer na primeira metade de 2024.
A plataforma de vítimas do sinistro insistiu este martes na vista en que se ordene unha nova investigación ao CIAF na que se escoite os prexudicados e que na súa composición sexa totalmente "imparcial e obxectiva", tal e como expuxo o seu avogado, Antonio Benítez.
O letrado defendeu o recurso de casación presentado e a petición de que, previamente a esa nova investigación, cesen os membros da comisión por considerar que non son independentes ao ter sido nomeados polo Ministerio de Transportes. A avogada do Estado, Pilar Cancer, pola súa banda, solicitou que a sala desestime as pretensións das vítimas, alegando que a CIAF cumpre cos estándares europeos de independencia malia estar adscrita ao ministerio.
"Non é unha cuestión de sensibilidade nin de buscar culpables, senón de directrices de Europa", di a plataforma, que recrimina a actitude da avogada do Estado
"Sorprendeunos a actitude da avogada do Estado, que falou de falta de sensibilidade coas vítimas, de que xa houbo un xuízo penal ou de que buscamos culpables", explica a Praza.gal Jesús Domínguez, portavoz da plataforma de vítimas, que nos corredores recriminaron a súa actitude durante a súa exposición ao tribunal, o que deu lugar a un tenso intercambio de pareceres. "Non é unha cuestión de sensibilidade nin de buscar culpables, senón de directrices de Europa", aclarou.
Porque a CIAF concluíu un ano despois do accidente de Angrois unha investigación oficial que puxo o foco só no despiste do maquinista do tren Alvia sinistrado, unha análise que a UE non considera que fose independente, como esixe a normativa comunitaria, e da que criticou que non estudase outras posibles causas.
De feito, no xuízo penal están pendentes de sentenza tanto o maquinista como un cargo de Adif tamén acusado. O pasado xullo altos cargos da Comisión Europea insistían en que España aínda non realizou a investigación técnica de Angrois como marca a normativa europea.
A plataforma de vítimas reclamou formalmente á CIAF esa investigación conforme ao establecido pola UE e, ante o seu silencio e a demora do xuízo penal, abriu un segundo proceso xudicial, neste caso na vía contencioso-administrativa, que en xuño de 2022 lle deu parcialmente a razón. A sentenza limitouse a condenar á CIAF a contestar a petición das vítimas, pero estas recorreron e o Supremo admitiuno a trámite e decidiu analizar máis cuestións administrativas relacionadas co caso.
O Supremo decidiu analizar se a regulación da CIAF cumpre coas “esixencias de independencia, imparcialidade e obxectividade” previstas na normativa europea
Porque as vítimas non só reclamaban a realización dunha nova investigación independente senón que tamén denunciaban a falta de independencia da CIAF, nomeada polo ministerio, e a imposibilidade que tiveron de participar na investigación xa realizada, malia que así o esixe a normativa europea. Pola súa banda, o ministerio, tanto co PP como co PSOE, vén argumentando que a CIAF agora xa si é independente e polo tanto non pode ordenarlle que faga esa investigación, o que deixa esa posibilidade só en mans dunha decisión da propia CIAF, que se nega, ou da xustiza.
Na súa admisión a trámite do recurso das vítimas, o Supremo sinalaba que “suscítanse cuestións xurídicas de alcance xeral e transcendencia social como a relativa á investigación dos accidentes ferroviarios e que transcenden do caso obxecto do proceso, cunha significación relevante para a interpretación do ordenamento xurídico en materia de accidentes ferroviarios extrapolable a outras ‘grandes catástrofes’, ou ‘sucesos con vítimas múltiples’, nos que as garantías da investigación e a posición que ostentan no procedemento as vítimas e os seus familiares son cuestións de afectación xeral”.
Así, o Supremo decidiu analizar se a regulación da CIAF cumpre coas “esixencias de independencia, imparcialidade e obxectividade” previstas na normativa europea e estudar “a posición xurídica dos afectados en accidentes ferroviarios” á hora de intervir nas investigacións e reclamar actuacións á CIAF.
A investigación técnica oficial realizada no seu momento pola CIAF de xeito incompleto e non independente, segundo estableceu a UE, e en cuxa defensa manobrou o daquela Ministerio de Fomento e a propia ministra, Ana Pastor, influíu nos inicios da investigación penal do accidente, cuxa sentenza se agarda para a primeira metade do próximo ano.