O Vigo, Vigo, Vigo que planta cara ao Galicia, Galicia, Galicia

Feijóo e Caballero durante unha visita a unha obra o pasado decembro CC-BY-SA Xunta de Galicia

A campaña personalista de Feijóo obtén os seus peores resultados na principal cidade do país, onde empata cos socialistas dos que o seu alcalde renega

En maio de 2016, dous meses despois de que, imputado pola xuíza Pilar de Lara, dimitise José Ramón Gómez Besteiro, e só catro meses antes da terceira vitoria electoral de Feijóo, o PSdeG elixiu como candidato á presidencia da Xunta ao daquela deputado Xoaquín Fernández Leiceaga. Fíxoo malia que a agrupación socialista máis numerosa de Galicia, a de Vigo, apoiara de xeito moi maioritario ao seu contrincante, o ex-conselleiro José Luis Méndez Romeu, por 418 votos fronte a 128.

Leiceaga non foi en 2016 o candidato do rexedor e líder do PSOE vigués, Abel Caballero, que evitou facer por el unha campaña tan intensa como si o fixo agora polo candidato socialista, o seu sobriño Gonzalo Caballero, para o que pediu o voto non só como tío senón "como alcalde de Vigo" malia os enfrontamentos pasados entre ambos. O resultado en 2016 foi que o PSdeG obtivo na cidade o 22,58% dos votos fronte ao 34,43% do PP, mentres que desta volta os socialistas subiron dez puntos, ata o 31,97%, case empatados co 32,51% do PP, que perdeu dous puntos e que sitúan esa cidade como o concello con peores datos para o PP só por tras de Entrimo e A Illa de Arousa.

O “Vigo, Vigo, Vigo” que esgrime o seu alcalde co seu 67% de apoios nas últimas eleccións municipais, as cuartas que gaña, tres delas con maioría absoluta, segue a ser a principal resistencia que ten a cuarta absoluta de Feijóo e o seu “Galicia, Galicia, Galicia”, co 48% do voto a nivel galego pero 15 puntos menos na cidade que considera a súa casa, na que pasou o día de reflexión.

O debilitamento xeral de PP e PSOE na última década en Vigo repunta para os populares nas eleccións con protagonismo de Feijóo e moito máis para os socialistas nas que o protagonismo é de Caballero

A evolución da porcentaxe de voto en Vigo en todas as eleccións desde comezo de século amosa como o PP partía dunha posición elevada e constante ata que a comezos da pasada década comezou a caer, mentres que o PSOE, con máis fluctuacións, cando se distanciou dos populares sempre foi máis en sentido positivo que en negativo, especialmente nas eleccións municipais. Nos dous casos, parecera que na última década se produciu un debilitamento xeral na cidade a respecto da década anterior que só repunta para o PP nas eleccións con protagonismo de Feijóo e moito máis para o PSOE nas que o protagonismo é de Caballero.

Porén, cando en vez da evolución da porcentaxe de voto se miran os votos totais compróbase como ao longo das dúas últimas décadas ata en catro ocasións os socialistas foron quen de recibir máis de 70.000 votos, mesmo máis de 100.000 nas últimas municipais, mentres que os populares só foron quen de superar os 70.000 nas xerais de 2004 e 2011, e desde aquela a cifra máxima foron 52.000 votos nas xerais de 2016.

Nas dúas últimas décadas os populares sumaron en Vigo máis de 70.000 votos só nas xerais de 2004 e 2011 mentres que os socialistas fixérono en catro ocasións, mesmo máis de 100.000 nas municipais do pasado ano

Nas municipais do pasado ano o propio Feijóo verbalizou a súa frustración cos resultados do PP en Vigo, un mínimo histórico do 13,69%, lamentando que o investimento da Xunta na cidade na última década “non tivo rendibilidade electoral”. Se a tivo no ano que pasou desde aquela ata este domingo, tras recuperar á ex-alcaldesa Corina Porro para intentar recompoñer a imaxe na cidade do PP e da Xunta e cun Feijóo que durante a campaña priorizou os actos na urbe ou os anuncios a ela dirixidos, foi só para empatar cos socialistas, pero mantendo Vigo á cola dos resultados populares en toda Galicia.

Este luns o alcalde vigués felicitou a Feijóo pola súa vitoria -“el a min non me felicitou, eu a el si”- pero salientou que na cidade o PP estivo 15 puntos por baixo do resultado a nivel Galego e empatou cos socialistas despois de que desde as anteriores eleccións galegas estes subisen dez puntos e os populares baixasen dous. Malia a felicitación, Caballero dixo non ter expectativas de que a vitoria de Feijóo sexa boa para Vigo e pediulle que rectifique as súas políticas para a cidade. “A min gustaríame que cambiara, que entendera que Vigo é a primeira cidade de Galicia e lle gustaría que fose atendida” como tal, dixo, para engadir que “correspóndelle a el rectificar, se rectifica sempre terá a miña man tendida”.

Caballero nega que el se presente ás eleccións polo PSOE: “Non, o partido é Vigo, como é natural, sábeo todo o mundo, en toda España, eu preséntome por Vigo”

A Caballero pedíuselle unha valoración dos resultados xerais do PSdeG e do seu sobriño, pero rexeitouno argumentando que “o meu partido é a miña cidade, o meu partido é Vigo”, malia que na campaña el mesmo pedira o voto para Gonzalo Caballero non só “porque sexa socialista e sexa o meu sobriño” senón “como alcalde de Vigo”. A repregunta foi se el non se presentara ás eleccións polo PSOE, e a resposta foi negativa: “Non, o partido é Vigo, como é natural, sábeo todo o mundo, en toda España, eu preséntome por Vigo”, sentenciou. A Galicia, Galicia, Galicia coa que se autoidentifica Feijóo non empatou daquela na súa maior cidade cos socialistas senón con Vigo, Vigo, Vigo.

Gonzalo e Abel Caballero xuntos nun acto desta pasada campaña electoral © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.