De Elisa e Marcela e Blanco Amor ata o presente: unha 'memoria diversa' para falar dos 'sexilios' sufridos na historia

Cartel do congreso 'A memoria diversa' © Deputación da Coruña

A terceira edición do Congreso A Memoria Diversa, organizado desde Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña, afondará este venres e sábado no concepto do sexilio, tanto no pasado coma no presente e ás veces sen moverse no lugar, nun conxunto de sesións que terán lugar no espazo de intervención cultural A Normal, da Universidade da Coruña, con entrada libre. O programa completo pódese consultar neste enlace.

A primeira intervención da tarde do venres xirará arredor de Elisa e Marcela

A primeira intervención da tarde do venres xirará arredor de Elisa e Marcela, da man de Ailén Kendelman, actriz, creadora e cofundadora da compañía teatral A Panadaría, que durante seis anos representou Elisa e Marcela en 280 funcións por toda a Península durante seis anos, nos que acadou unha ducia de premios, entre eles os María Casares. E, tamén, de Gena Baamonde, directora escénica e investigadora, que foi a directora e cocreadora da obra. “O LGBT non é unha temática de moda senón, como o feminismo, algo que debera ser transversal”, destacaba nesta entrevista

Antes, o Congreso será inaugurado pola deputada delegada en lingua, igualdade e dereitos civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas e a vicerreitora de igualdade e diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar. Intervirá, así mesmo, o comisario de Memoria Diversa Marcos López.

A segunda intervención versará arredor da poesía e da figura de Eduardo Blanco Amor

A segunda intervención da tarde versará arredor da poesía e da figura de Eduardo Blanco Amor, nunha sesión que iniciará Antón Lopo, que no seu proxecto editorial Chan da Pólvora coordina a colección "Rabo de Egua", a única especializada en poesía LGBTIQA+ do Estado español na que están obras coma Seis poemas galegos de Federico García Lorca e Querido Eduardo, a recompilación das cartas que Ramón Suárez Picallo lle escribiu a Eduardo Blanco Amor entre 1931 e 1946. 

Tamén falará de Eduardo Blanco Amor o músico, escritor e activista Éric Dopazo, autor da biografía de Blanco Amor para crianzas na colección 'Miudiños' de Cumio editora e creador da canción "Eduardita". Presentará a mesa a xornalista e escritora Eva Mejuto, autora do libro de entrevistas Memoria Diversa, da Deputación da Coruña. As intervencións do venres rematarán coa proxección da creación audiovisual "Eduardita", creación de Piratas sen Parche.

Os 'sexilios' a través do tempo e dos espazos

O sábado, Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz,  Daniela Ferrández e Roman Efrenov falarán sobre os sexilios a través do tempo e dos espazos

A xornada do sábado afondará sobre os sexilios a través do tempo e dos espazos, con tres intervencións que serán moderadas por Xandre Garrido, representante da asociación Avante LGBT+. A primeira vén da man do investigador e antropólogo catalán Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz, docente da Universitat de Barcelona e creador de, entre outras, as obras referentes en estudos LGBTIQA+: "Bifobia. Etnografía de la bisexualidad en el activismo LGBT" (Egales 2017) e "Tu a Soria, yo a Barcelona" (Egales 2023). 

Pola súa banda, Daniela Ferrández tratará o exilio de trans e lesbianas do primeiro terzo do século XX, personalizado no caso de Teresita. Daniela Ferrández escribiu o libro A defunción dos sexos, disidencias sexuais na Galiza contemporánea" (Xerais 2021). Así mesmo, orefuxiado político ruso e activista LGBT Roman Efrenov, achegará a situación actual do colectivo en Rusia.

Programa do congreso 'A memoria diversa' © Deputación da Coruña

A xornada da tarde do sábado comezará co xornalista e escritor madrileño Bob Pop

Así mesmo, Fefa Vila, socióloga e escritora, nacida en Laza, residente en Madrid e unha das principais responsables da creación do grupo lésbico LSD -referente dentro dos colectivos LGBT do Estado español nos anos 90- falará este grupo e da súa experiencia vital e de investigación, presentada pola música e poeta Lucía Aldao.

A xornada da tarde do sábado comezará co xornalista e escritor madrileño Bob Pop, autor do libro Mansos (Alfaguara, 2021) e da serie audiovisual Maricón perdido. As dúas creacións tratan, entre outros temas, do exilio do rural cara ás cidades das persoas homosexuais nos anos 70 e 80 do século pasado. Presenta a intervención Óscar Rodríguez da asociación ALAS A Coruña.

Na derradeira mesa do Congreso estarán Ares Piñeiro, activista trans vasco, e Nee Barros, que falará da presenza (e ausencia) de relatos trans na literatura galega

A derradeira mesa do Congreso virá de parte do Ares Piñeiro, activista trans vasco, descendente de familia galega emigrada a Euskadi, sexólogo e secretario de Errespetuz, asociación vasca para a defensa e a integración das persoas transexuais. Na súa intervención falará da ausencia de relatos memorialísticos dos homes trans no estado español, así coma da súa propia vivencia persoal. Pola súa parte, Nee Barros falará da presenza (e ausencia) de relatos trans na literatura galega. Presentará a mesa Max Suárez, en representación da asociación Arelas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.