Dez informacións para recuperares se desconectaches na Semana Santa

Informacións para recuperares se desconectaches na Semana Santa CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nos últimos días Praza.gal publicou algúns temas que, consideramos, paga a pena consultares ao reconectar. Sobre todo, aqueles dos que nos puidemos ocupar con máis vagar aproveitando a relativa pausa do ritmo informativo cotián

O pasamento do papa Francisco este 21 de abril de 2025 marca, inevitablemente, a axenda informativa (e histórica) deste Luns de Pascua, que en Galicia como en moitos outros lugares é o do reinicio da actividade laboral ordinaria -alén do ensino, onde en xeral o labor lectivo regresa este martes, día 22-. Con independencia das crenzas de cadaquén, a Semana Santa adoita ser un tempo de desconexión do día a día, cando menos no seu treito final, ao cadrar dúas xornadas non laborables ao carón da fin de semana. Tamén nos medios de comunicación; por exemplo, toda a nosa redacción descansou o Venres Santo.

Aínda que cun ritmo máis lento, a actualidade continuou na Semana Santa que vimos de deixar atrás. E en Praza.gal publicamos algúns temas que, consideramos, paga a pena recuperares ao reconectar. Sobre todo aqueles dos que nos puidemos ocupar con máis vagar aproveitando que o ritmo informativo cotián tomou unha relativa pausa:

Manuel Pampín, xornalista xubilado da TVG CC-BY-SA Defende A Galega

"A TVG vai camiño da irrelevancia e os dirixentes teñen pánico a calquera crítica á Xunta"

O 24 de xullo de 1985, vai facer agora 40 anos, a TVG emitía por primeira vez. Alí estaba Manuel Pampín, que levaba xa semanas traballando na estrea. Xubilado hai dous anos, repasa a súa traxectoria e a dos medios públicos galegos.

Con teito e un colchón : "Polo menos na estación non hai pelexas”

A ameaza do valado aínda no se cumpriu, pero axiña será realidade. A Xunta avisa de que está a ultimar os trámites para comezar a obra. E investirá uns bos cartiños (que aínda non concreta) en pechar o recinto da antiga estación de autobuses de Vigo para “previr a ocupación do inmoble”. Quen son estes ocupas? Persoas sen ingresos que demandan algo de estabilidade para ter a súa oportunidade. “Nos albergues estás 10 ou 15 días e tes que volver á rúa. É moi cruel”.

Os derradeiros habitantes: en 1.565 aldeas galegas só viven maiores de 65 anos

Por concellos, As Pontes (45), Ourol (40) e Ortigueira (39) son as localidades con máis entidades de poboación nesta situación. Galicia ten unhas dúas mil entidades de poboación deshabitadas e outras tantas con 1 ou 2 habitantes.

Silvia García é unhas das persoas que dormen na antiga estación de autobuses de Vigo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/ Praza.gal

Cada vez menos católicos: así diminuíu en Galicia o peso da cruz nos últimos 40 anos

A poboación segue a ser maioritariamente católica (o 59,5% aínda se definía así nunha enquisa do ano 2024), pero case non vai a misa (apenas o 17% acode con frecuencia) e os crentes xa só son maioría entre os maiores de 45 anos. O gran cambio produciuse a partir de 2016. Hai corenta anos, en 1984, a maioría dos galegos definíase como católicos practicantes, que entre as mulleres chegaban ao 72%.

O norte de Galicia concentra o 85% dos gases industriais contaminantes, máis da metade na Coruña

En poucos quilómetros, entre A Coruña e Arteixo, xúntanse catro das seis industrias que máis emisións contaminantes causantes do cambio climático sumaron o pasado ano no país. 

Lugo, no mapa europeo dos territorios coa maioría da poboación sen hospital a menos de 15 minutos

Eurostat calcula que máis do 83% da poboación da UE pode chegar ao hospital en coche en apenas un cuarto de hora, pero o resultado ten grandes diferenzas territoriais. A provincia lucense, cun 49,7% de habitantes en condicións de non superar o limiar dos 15 minutos no acceso ao hospital, ten unha situación semellante a territorios do norte de Portugal ou ás de Ávila, Toledo, Cuenca e Teruel. A Coruña e Pontevedra, pola súa banda, achéganse a un 70% equiparable ao de grandes áreas de Centroeuropa ou dos países nórdicos

A Xunta despediu persoal de reforzo da COVID como represalia por denunciar os seus contratos fraudulentos

O TSXG vén declarando improcedentes ducias de despedimentos de persoal que seguiu contratado por "obra ou servizo" moito despois de rematada a pandemia, e agora ademais declara nulos varios ceses producidos tras denunciar os afectados a súa situación

Receptores de axudas sociais agradécenas entre bágoas á Xunta nun acto de balance de goberno

Rueda asegura que as persoas participantes no acto denominado "Estilo Galicia", presentado como un programa de televisión de testemuñas, "podían dicir o que lles petara"

"Desde o século I antes de Cristo, o Corno de África estaba moito máis integrado en redes globais do que estaba Europa"

O equipo de investigación que lidera o arqueólogo do CSIC Alfredo González-Ruibal estivo escavando en Somalia entre xaneiro e febreiro, en pleno enfrontamento dos Estados Unidos co ISIS na zona. Estudan a interacción entre as poboacións nómades do primeiro milenio despois de Cristo ao longo dos territorios do leste do Corno de África, e a relación destes nómades co resto do mundo

Alfredo González-Ruibal en Xibuti © cedida

Un dicionario da Xeración Z que recolle as súas palabras novas, a influencia do inglés e o impacto das redes sociais

'Chill', 'PEC', 'evento canónico', 'beef' ou 'hype' son algúns dos termos que recompila o Dicionario Xeración Z, creado polas alumnas Charlotte del Carmen Cramer Correa e Enma Villaverde Castelo e polo alumno Iker Fojo Lago do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, titorizados pola profesora Iria Mariño Pérez

Contámolas contigo

Estas informacións, como tantas outras, non serían posibles sen as socias e socios de Praza.gal. Contámolas contigo. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.

Lembra, ademais, que ata o 80% da túa achega pódeche vir de volta na declaración da renda. Así, por exemplo, unha cota de 10 euros ao mes pódeche quedar nun gasto real de 2 euros ao mes.

CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.