Dez temas para recuperares se desconectaches en Semana Santa

Dez temas para recuperares se desconectaches en Semana Santa CC-BY-NC-SA Praza Pública

Seleccionamos algunhas das principais pezas que publicamos en Praza nos últimos dez días para que, se queres, poidas poñerlles un ollo agora, sen présa

Máis que unha semana, a Semana Santa son case dez días nos que, se traballe ou non, a cabeza desconecta un chisco da actualidade máis inmediata e os ritmos mudan. Pero o mundo seguiu a xirar e en Praza.gal seguimos a publicar novas e reportaxes que, se cadra, che gustaría recuperar devagar tras estes días. Son dez informacións que seguirán dando que falar no futuro e que che agrupamos aquí para que sexa máis doado chegar a elas.

Un xulgado abre dilixencias por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta pola súa xestión dos autobuses

Nesta exclusiva de Praza.gal contamos como unha xuíza de Santiago, tras unha denuncia de Galibus, asociación de empresas do sector que se sente prexudicada por Monbus, reclama á Xunta os contratos cos que en 2019 e 2020 reorganizou as liñas de transporte público de Galicia. Seguir lendo

Auto do xulgado de Instrución 1 de Santiago que incoa dilixencias previas por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

A espera por unha consulta especializada no Sergas dispárase a 66 días, como no peor da pandemia

As cirurxías estáncanse en Galicia nos 75 días de espera media segundo os datos oficiais da Xunta, que o Goberno galego aínda non desvelara e que agora se coñecen a través do balance estatal do Ministerio de Sanidade. Seguir lendo

Vigo e A Coruña superan a Santiago e convértense nas cidades con máis pisos turísticos

Nos últimos tres anos o número de vivendas de uso turístico rexistradas legalmente disparouse en Vigo (pasou de 379 a 1.055) e na Coruña (de 365 a 793), superando con claridade os datos de Compostela, que dende hai tempo aplica controis e restricións, especialmente nos barrios con máis concentración. Tamén Pontevedra comezou a aplicar restricións a esta actividade económica. Seguir lendo

Besteiro toma posesión comprometendo "xustiza social, económica e ecolóxica": "Claro que veño facer política"

Nun acto institucional rodeado de expectación, o novo delegado gobernamental apela á xustiza, "un valor cun significado moi especial para min" e lamenta que "se empregue a expresión 'facer política' como algo negativo". "Fagamos política de verdade porque temos unha oportunidade histórica", sinala a Rueda, que lle reclama ser "avogado dos intereses" de Galicia ante o Goberno de España. Seguir lendo

Galicia acada os mellores datos de emprego e paro nun mes de marzo desde a crise de 2008

As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 2.245  ata quedar nas 141.847 ea afiliación media á Seguridade Social alcanzou os 1,044 millóns de cotizantes. Máis do 38% das contratacións no mesmo período foron indefinidas. Seguir lendo

Os beneficios da AP-9 medran tres veces máis que o tráfico en 2022 e xa rozan o seu récord histórico de 68 millóns

Durante o ano pasado Audasa logrou 67,64 millóns de euros en beneficios despois de impostos, case 16 millóns máis que en 2021. Case o 70% dos tránsitos xa son abonados mediante telepeaxe, un sistema á alza no seu uso por ser preciso para acceder ás peaxes subvencionadas polo Estado, vía que supuxo case 35 millóns de euros en ingresos nese exercicio. Seguir lendo

Madeira cortada nun monte galego e gráficos de evolución das cortas e os seus propietarios CC-BY-NC-SA Praza.gal

Montes no rural, propietarios nas cidades: residentes na Coruña, Lugo e Santiago encabezan as solicitudes de cortas de madeira

En 2021 solicitáronse 111 mil permisos para realizar aproveitamentos forestais, nos que se obtiveron dez millóns de metros cúbicos de madeira, máis da metade eucalipto. Aínda que en Ortigueira e A Fonsagrada houbo máis cortas, os concellos de residencia máis habituais dos solicitantes foron urbanos. En todo caso, o 67% das solicitudes foron realizadas por persoas que vivían nos mesmos lugares dos traballos. Seguir lendo

Expertos piden actualizar os plans para recuperar o oso e a Xunta supedita o seu, de 1992, a pactos entre autonomías

O último censo da especie detectou a presenza en Galicia de 11 exemplares dos 370 contabilizados en toda a cordilleira cantábrica. "A área delimitada polos plans de recuperación cubre soamente a metade da área de presenza" do oso, din tres investigadores do CSIC nun recente artigo científico. Seguir lendo

Área de distribución do lobo en Galicia e áreas de mandas potenciais nas que se confirmou a presenza de mandas reprodutoras en dous mapas tirados do censo oficial 2021-22 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O PP atribúese o aumento de lobos en Galicia tanto en exemplares como en distribución no territorio

A conselleira de Medio Ambiente salienta nun acto dos populares no Senado que desde 2009 as mandas pasaron de 68 a 93. Seguir lendo

Picasso regresa á Coruña: "a cidade na que espertaron os meus sentidos"

Ata o vindeiro 25 de xuño o Museo de Belas Artes acolle a exposición Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro, unha das citas culturais imprescindibles neste ano en Galicia. A mostra reúne un cento de pezas que reflicten os diferentes períodos artísticos do pintor e o seu vínculo coa cidade, que ata decembro acollerá unha trintena de actividades ao redor do artista. Seguir lendo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.