Do traballo á luz, de Altri ao transporte: informacións na ponte que podes querer ler agora

Algunhas das informacións de Praza.gal durante a ponte de maio CC-BY-NC-SA Praza.gal

Traémosche algunhas das informacións nas que estivemos traballando durante a ponte de maio que vén de rematar, da reivindicación dos dereitos laborais ás causas e consecuencias do apagamento, a mobilidade ou documentos sobre Altri que ven a luz

O Primeiro de Maio cadrou desta volta en xoves. A xornada que conmemora a defensa da clase traballadora foi, desta maneira, a primeira dun período de catro días no que a loita polos dereitos laborais puido vir acompañada, en moitos casos, por unha desconexión do propio traballo máis prolongado do habitual para as persoas que puideron argallar unha ponte cara á fin de semana. 

Se ese foi o teu caso e optaches pola -ocasionalmente, moi sa- opción de desconectar tamén das noticias, traémosche por aquí algunhas das informacións nas que estivemos traballando durante a ponte de naio que vén de rematar. Comezando, como corresponde, por un Primeiro de Maio no que milleiros de persoas secundaron en Galicia as reivindicacións sindicais.

Muller limpando no despacho dunha empresa en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

O traballo galego cada vez vén máis de fóra

Case o 40% do emprego creado en Galicia no último ano corresponde a traballadores e traballadoras estranxeiras, que supoñen xa o 7% do mercado laboral no país e sofren a precariedade e perda de dereitos contra a que os sindicatos claman neste Primeiro de Maio. Máis da metade traballa no sector servizos e o 22%, na hostalería. 

A Ponte de Maio chegou xusto despois do apagamento do 28 de abril. Por iso nos días seguintes seguimos buscando respostas, os porqués do acontecido, pero tamén reflexionando sobre o que sucedeu e o que unhas horas sen luz eléctrica din sobre os nosos hábitos vitais

O apagamento superou a capacidade dos cortalumes do sistema aínda que "funcionaron e se activaron"

No momento do apagamento había capacidade para perder sen previo aviso ata o equivalente ao 60% da enerxía, pero a desconexión en cadea de decenas de centrais superou as devasas e tombou a rede. Fontes de Transición Ecolóxicas defenden que o exceso de renovables non foi a causa, aínda que recoñecen que haberá que estudar cambios regulatorios para facelas máis seguras. A única tecnoloxía á que sinalan os técnicos por supor un problema no apagamento foi a nuclear: apagouse por seguridade durante o 'cero enerxético'  do luns e non se deu prendido ata o mércores

Un sector eléctrico á espera de investimentos e maior control público: "Cómpre modernizar o sistema"

Sábese (máis o menos) o que pasou pero non as causas exactas do sucedido. Practicamente todas as posibilidades seguen abertas, aínda que si se descarta xa algún tipo de accidente ou problema técnico ou algún "estraño fenómeno meteorolóxico". Buscamos o contexto do apagamento e falamos con Pablo Álvarez, técnico da cooperativa Unión Renovables, que pide un "debate repousado" e "aprender dos fallos, avaliar e facer melloras no sistema enerxético". "Investir na mellora do sistema eléctrico é unha decisión sobre o uso dos cartos dos nosos impostos", conclúe

Liña de distribución eléctrica nunha vila galega CC-BY-SA Xunta / Plan de Ordenación do Litoral

O que iluminou o apagamento: "Somos máis que algoritmos produtivos"

A socióloga María José Andrade Suárez, o psicólogo experto en adiccións Antonio Rial Boubeta e a psicóloga clínica especializada en emerxencias Ana María Núñez axúdannos a debullar a nosa dependencia da electricidade, como enfrontar o sucedido este 28 de abril e cales son as cuestións máis pertinentes sobre as que reflexionar agora que sabemos que algo así pode volver a suceder.

Nestes días de ponte, con máis viaxes do habitual, volvemos falar de mobilidade. Non tanto da mobilidade festiva, senón do transporte público que nos conecta (ou, en rigor, nos debera conectar) con precisión no noso día a día.

Inspeccións cada vez menos 'secretas' nos buses: a Xunta revela datas e mesmo liñas

O Goberno galego fai público que as inspeccións de incógnito do transporte regular faranse nas seis próximas semanas, especialmente a Monbus en Ribeira e a Arriva entre A Coruña e Lugo, que agora están sobre aviso

Vigo e A Coruña, incluídas nun estudo sobre as cidades idóneas para ter tranvía

A fundación Mobilitat Sostenible i Segura inclúe as dúas cidades galegas entre as 22 do Estado que considera axeitadas para implantar este transporte do que valora a súa sustentabilidade, accesibilidade e nula sinistralidade. O informe chega case 15 anos despois da desaparición do metro lixeiro das promesas da Xunta e entre o desinterese das administracións neste servizo. 

Antigo tranvía turístico da Coruña, sobre unha imaxe da proposta do informe para o tranvía en Vigo CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Foto tranvía: Roberto Abizanda

Nestes días tamén segue ecoando, porque non cesa, a controversia política e social en torno á posible instalación de Altri en Palas de Rei. Neste caso, ao transcender documentación da súa tramitación ambiental ante a Xunta. Soubemos, por exemplo, do plan da compañía portuguesa canda a galega Greenalia para virar en "icona" a cheminea de 75 metros que prevén construír

O plan de Altri para virar a súa cheminea en "icona" foi asumido pola Xunta

O informe no que Patrimonio Cultural da Xunta dá o visto e prace á instalación da factoría en Palas adopta as recomendacións propostas por un consultor contratado pola compañía para avaliar o impacto do seu proxecto no Camiño de Santiago. Ulloa Viva lamenta que se "fundamentase en dous informes externos contratados e pagados por Altri" e ve as súas conclusións un "desatino"

Mentres emerxían as reaccións políticas e sociais a esta información e os movementos contrarios ao proxecto facían ouvir outra volta a súa reivindicación cun reivindicativo descenso polo Ulla, na redacción de Praza.gal traballabamos noutra información de alcance ao respecto que publicamos este luns: Medio Rural advertiu do impacto de Altri pero minorouno tras aceptar os argumentos da empresa

Recreación da factoría de Altri divulgada pola empresa e fragmentos do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural favorable á súa instalación CC-BY-NC-SA Praza.gal

E mentres todo isto sucede tamén tivemos oco, como é habitual, para ollarmos a asuntos que non son de fervente actualidade, pero si son estruturais e moi relevantes. Dende a demografía do noso país ata o cinema.

As cidades tamén quedan sen crianzas (agás algún barrio)

Entre o 2014 e o 2024 o número de nenos e nenas entre 0 e 4 anos nas sete cidades galegas pasou de 42.375 a 29.490, case trece mil menos, un 30% menos. Hai algúns puntos que en parte escapan a esta dinámica. Son sobre todo barrios nos que houbo construción de vivendas, o que empurrou a parellas novas a se mudar a estes lugares. E, igualmente, zonas cunha porcentaxe importante de poboación inmigrante

"É fundamental axudar a crear unha comunidade de artistas, que haxa moitas persoas soñando con facer películas"

Alfonso Zarauza fai trinta anos dedicado ao audiovisual cunha celebración tripla: as súas películas e curtametraxes pódense ver de novo en pantalla grande na sala Numax en Santiago, unha exposición percorre a súa carreira na Zona C de Compostela e recibirá o Premio Pedigree de Honor do Festival de Cans na súa XXII edición que se celebra do 20 ao 24 de maio

Alfonso Zarauza © OUFF

Como sempre nos gusta lembrar, moitas -case todas, en rigor- destas informacións son posibles grazas ás socias e socios de Praza.gal. Lembrámolo mesmo con máis intensidade nuns días en que conmemoramos o Día da Liberdade de Prensa, que se celebra cada 3 de maio e ao que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia puxo voz neste 2025 cun manifesto redactado por Anxo Quintela. O seu texto, titulado Estamos dentro, acollémolo nas nosas páxinas a través desta tribuna.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.