Media ducia de voces do 2025 para non esquecer

Persoas protagonistas dalgunhas das entrevistas máis lidas en Praza.gal durante 2025 CC-BY-NC-SA Praza.gal

En Praza.gal procuramos que o xénero xornalístico da entrevista actúe como un momento para parar. Para investirmos tempo en cavilar nas preguntas e para escoitar devagar as respostas de persoas, moi coñecidas ou non tanto, ás que non sempre temos oportunidade de formular cuestións, pero ás que vemos como voces ás que paga a pena atender pola súa vida, polo seu traballo ou polas súas experiencias.

Escolmamos media ducia das entrevistas máis seguidas e relevantes publicadas por Praza.gal este ano. Palabras que seguen vixentes e poden perdurar

Entre as tarefas da redacción neste remate do ano está revisarmos que contidos foron os máis seguidos pola audiencia. Tamén aqueles que non o foron tanto, pero que vemos como especialmente relevantes ou merecentes de perdurar alén da inmediatez ou do carácter efémero deste ecosistema informativo acelerado no que nos toca vivir. 

Da combinación dese duplo criterio xorde esta escolma. Media ducia -sete, en rigor- de entrevistas publicadas en Praza.gal en 2025 que tiveron un notable seguimento da nosa audiencia e que, sobre todo cremos que non deberan ser esquecidas. Porque as palabras das persoas que as protagonizaron seguen vixentes e poden perdurar.

Manuel Pampín: "A TVG vai camiño da irrelevancia e os dirixentes teñen pánico a calquera crítica á Xunta"

Manuel Pampín, xornalista xubilado da TVG CC-BY-SA Defende A Galega

No marco do cuadraxésimo aniversario dos medios públicos galegos, durante o ano que remata en Praza.gal botamos a ollada á historia da Televisión de Galicia e da Radio Galega por varias vías. Unha delas, escoitarmos as voces de persoas que foron clave na historia da que naceu como Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e, en moitos casos, pioneiros e pioneiras do xornalismo e da comunicación audiovisual no noso idioma.

Un destes nomes senlleiros é o de Manuel Pampín. Xubilado hai dous anos, quen foi un dos rostros máis populares da información deportiva da TVG amosa orgullo polo traballo feito, pero tamén mágoa e preocupación pola actuación xestión e labor informativo da actual CSAG. 

A esa xeración que é historia viva dos medios públicos en xeral e da información deportiva en galego en particular pertence tamén Óscar Benito. Con el conversamos en setembro, cando a corporación pública decidiu que deixase de presentar o emblemático En Xogo tras dúas décadas conducíndoo, en plena reformulación do espazo.

Anxo Quintana: "Non se falou suficiente da importancia do labor de goberno do BNG: foi excepcional"

Anxo Quintana, en entrevista con Praza.gal, en Allariz o pasado xuño © Brais Lorenzo

O pasado xuño facíanse vinte anos da vitoria que permitiu á esquerda gobernar Galicia. Entre os contidos informativos elaborados en Praza.gal polo aniversario do primeiro goberno galego apoiado nunha maioría absoluta progresista, a conformada por PSdeG e BNG, estivo unha entrevista con quen foi vicepresidente daquel Executivo, Anxo Quintana, na altura tamén líder do Bloque.

Quintana reivindicou, durante a conversa con Praza.gal, a importancia daquela mudanza política e o labor do Gobenro progresista. Tamén compartiu as súas consideracións sobre o que, ao seu xuízo, é atinado rumbo actual do BNG cara á volver, augura, gobernar o país. Do mesmo xeito, afirma non lembrar, ou pretender non lembrar, a campaña de "lixo, boato e ataque persoal como arma político-electoral" que, segundo di, levaron a cabo Núñez Feijóo e o PPdeG en 2009. "Era de esperar que se daquela non lles supuxo ningún custo, acabarían repetíndoo pero multiplicado e aumentado", reflexiona. 

Felisa Nchama: "Unha muller nova, negra e cunha discapacidade visual pode aprobar unha oposición do grupo A da Xunta"

Felisa Nchama, ante a Facultade de Dereito da UVigo, no Campus de Ourense © cedida

Non todas as voces merecentes dunha entrevista xornalística pausada son nomes da primeira liña política, económica ou social. Un bo exemplo disto é Felisa Nchama Alogo Abuy. Orixinaria de Guinea Ecuatorial, chegou a Madrid con apenas nove anos, grazas a un programa da ONG Aldeas Infantís para tratar a súa perda de visión.

Felisa medrou nun cento para menores en situación de desamparo e cando rematou o primeiro curso de Bacharelato pasou a vivir cunha familia acolledora en Ourense. Na súa conversa con Praza.gal explicounos como, tras rematar o instituto, logrou graduarse en Dereito pola Uvigo, buscou e conseguiu traballo e decidiu preparar unhas oposicións á Xunta nas que acabou acadando a puntuación máis alta.

Xurxo Souto: "Antes dicían que o galego non valía para o rock, pero agora din que non vale para as matemáticas. Son tempos escuros"

Xurxo Souto, en concerto © Concello da Coruña

O bravú xa ten a súa novela grazas a quen foi (é) unha das almas do movemento. A comezos deste mes de decembro entrevistamos a Xurxo Souto para que nos contase detalles d'A novela do Bravú, que vén de publicar en Xerais.

O libro ten moita música, pero vai alén da música mesma. Está construído como conxunto de historias dun fato de rapaces que dende as marxes -no barrio, na aldea- fixeron o que lles petou, o contrario do que lles dicían que había que facer, que escolleu facer rock e facelo en galego, con toda a vehemencia e a naturalidade da música popular. E a conversa, claro, vai alén do libro e espállase pola situación do idioma, do país ou das nosas músicas.

Zinthia Álvarez e Cristina Botana: "Non queremos facer un xuízo a ningunha familia, o tráfico de escravos en Galicia foi sistémico"

Zinthia Álvarez Palomino e Cristina Botana, cun dos paneis da exposición 'A Coruña, porto negreiro' CC-BY-SA Praza.gal

Nestas semanas finais do ano chegou tamén a que todo apunta que vai ser unha das entrevistas máis lidas do 2025 en Praza.gal. Zinthia Álvarez Palomino e Cristina Botana falaron connosco da exposición A Coruña, Porto Negreiro, que coordinan como parte do proxecto ‘A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade’, unha das propostas gañadoras do I Certame de Proxectos Singulares da Deputación da Coruña.

A mostra, que se pode visitar durante dous meses e que se completa con roteiros pola cidade, recolle a través de documentos e imaxes o papel do porto coruñés en particular e de Galicia en xeral no tráfico de escravos. Foi unha actividade, destacan as responsables da exposición, da que se lucraron de forma importante unha serie de empresarios e familias que acadaron gran poder e riqueza. E que, en varios casos, aínda están presentes en nomes de rúas na Coruña.

Rita Doallo: "No rural necesitamos servizos, pero as casas-niño non se poden soster sobre a nosa precariedade"

Mapa das casas-niño en funcionamento sobre un proxecto de dqarquitectura © Montaxe: dqarquitectura / Praza.gal

A principios do ano que agora remata diversas responsables de Casas-Niño da Xunta alzaron a voz para denunciar as precarias condicións nas que traballan as titulares do servizo e demandar do Goberno galego que asuma as súas responsabilidades no sostemento desta rede.

Tivemos a oportunidade de falar cunha destas traballadoras, Rita Doallo, responsable da casa-niño A Parruliña de Taboadela (Ourense). "Dependemos unicamente dunha subvención dun pagador, que ademais fixa todas as condicións do noso traballo. Temos todos os deberes dunha traballadora por conta allea, pero ningún dos seus dereitos", explicounos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.