As once comisións temáticas divídense en dous bloques, un de carácter transversal integrado polos apartados de dereitos lingüísticos e tecnoloxías, e outro que abrangue distintos ámbitos sociais
A Xunta vai propor a conformación de once grupos de traballo para chegar a un novo Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Así llo expuxo este xoves aos representantes dos grupos parlamentarios, en xuntanzas nas que participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
As once comisións temáticas divídense en dous bloques, un de carácter transversal integrado polos apartados de dereitos lingüísticos, tecnoloxías e implementación do corpus; e outro que abrangue distintos ámbitos sociais. Con esta folla de ruta, “pretendemos crear un marco amplo no que poidamos tomar decisións conxuntas ao redor de moi diversas áreas e implicando a toda a sociedade”, afirmou o conselleiro.
A Xunta afirma querer "actualizar" o Plan de Normalización aprobado por unanimidade en 2004, formado por 400 medidas que en moitos casos nunca se cumpriron. Tamén promete o "crecemento orzamentario para a política lingüística", despois de reducilo un 60% dende o 2009
As conversas previas para chegar a este novo pacto lingüístico chegan nun contexto de extrema preocupación sobre o futuro do idioma galego. O pasado 11 de outubro a enquisa do IGE sobre hábitos lingüísticos amosou que o galego xa non é o idioma predominante en Galicia, unha realidade que levou a unha importante mobilización social que esixiu un cambio de rumbo para o galego, e ás forzas da oposición a reclamar cambios normativos.
Case ao tempo, o Consello de Europa lembrou o incumprimento en Galicia da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, por exemplo no ensino -con eivas moi importantes no ensino infantil ou co veto ao galego na maior parte das materias científicas- ou no dereito á atención en galego no Sergas.
José López Campos, conselleiro de Cultura, di apostar "por unha renovación que teña en conta as necesidades actuais", cunha "realidade social, demográfica e lingüística diferente" á de hai vinte anos
O Goberno galego afirma querer "actualizar" o Plan de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade en 2004 e que estaba formado por 400 medidas que en moitos casos nunca se cumpriron. "A súa actualización correspóndese coa necesidade de adaptar esas accións, que foron elaboradas a partir da realidade lingüística que tiña Galicia nese momento, á situación actual" cunha "realidade social, demográfica e lingüística diferente" , di a Xunta.
“Apostamos por unha renovación que teña en conta as necesidades actuais, que xa temos debidamente analizadas, e normalizar así o uso do galego en distintos ámbitos sociais, sectores profesionais, na ensinanza, entre as persoas chegadas de fóra e, en xeral, na vida cotiá”, afirma José López Campos.
O Goberno galego di que no futuro vai facer "seguimento das recomendacións para Galicia da Carta Europea das linguas", sobre a que o Consello de Europa vén lanzando denuncias de incumprimento por parte da Xunta
A Xunta afirma tamén querer poñer en marcha "máis de 50 medidas de actuación inmediatas" e promete "o inicio dunha senda de crecemento orzamentario para a política lingüística", despois de que este se reducise un 60% dende o ano 2009. Así mesmo, di que no futuro vai facer "seguimento das recomendacións para Galicia da Carta Europea das linguas", sobre a que o Consello de Europa vén lanzando denuncias de incumprimento por parte da Xunta.
Este novo pacto lingüístico preséntase difícil, ante a negativa da Xunta a modificar o decreto de plurilingüísmo no ensino, que impuxo limitacións á educación en galego, ou as descualificacións lanzadas polo PP contra as voces críticas coa súa política lingüística.
Os grupos de traballo inclúen apartados dedicados á administración, educación, familia e mocidade, medios de comunicación, industrias culturais, sanidade, deporte, lecer ou proxección de galego no exterior
Ademais das comisións de traballo transversais centradas nos dereitos lingüísticos e nas tecnoloxías, as áreas temáticas do segundo bloque comezan polo "impulso do uso do galego nas relacións nas administracións"; a educación; o fomento "de accións transversais no eido familiar e entre a mocidade"; o aumento da presenza da lingua galega nos medios de comunicación e nas industrias culturais; o ámbito sanitario, con medidas para "favorecer que os usuarios sexan atendidos en galego se así o desexan".
Hai tamén un amplo bloque dedicado a sociedade, que abrangue intervencións que van desde as crenzas relixiosas e os servizos sociais, ata o deporte, o asociacionismo, o turismo ou o lecer. E, finalmente, un último grupo de traballo que fará fincapé na "proxección do galego no exterior" con medidas que se estenden a outros territorios limítrofes con Galicia e ás colectividades galegas asentadas en distintos países do mundo.