A emblemática peza de Asorey foi mercada pola Xunta tras o peche da Casa de Galicia de Montevideo e acordou deixala exposta nun museo uruguaio, cuxos "cambios no relato expositivo" levaron o Goberno galego a traela de volta e instalala no Gaiás
En 2022 pechou definitivamente a Casa de Galicia de Montevideo. A entidade, que ademais de punto de encontro da emigración galega no Uruguai foi o hospital da diáspora durante un século, foi disolta tras anos de perdas enchendo de incógnitas o futuro do seu valioso legado cultural. Entre os tesouros da emigración galega nese país destacaba a Santa, emblemática escultura de Francisco Asorey que agora, e aparentemente para sempre, regresa a Galicia no seu centenario.
Tras o peche da entidade da emigración a Xunta, entre múltiplas reclamacións, concorreu á compra de diversos bens culturais da Casa de Galicia. Un deles, a peza que a institución mercara a Asorey en 1951 cunhas facilidades que a converteran en "case unha doazón". De entrada, o Goberno galego abordara a compra "coa idea de manter no Uruguai" a escultura e nesa liña foi o acordo que deixou exposta a Santa no Museo Zorrilla de Montevideo.
No entanto, argumenta agora a Xunta, "os últimos cambios no relato expositivo" dese museo uruguaio "e a reorganización da súa colección" son o que "motivan" a decisión de traer a Santa de volta. E así, explica, "garantir a idónea contextualización, estudo e contemplación da obra por parte do público" no mesmo lugar, a Cidade da Cultura, onde xa estivo exposta en 2019 como parte da mostra Galicia, un relato no mundo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu este 27 de xullo ao acto de recepción oficial da Santa no Museo Gaiás. "Trátase dun día histórico para a cultura galega", mantén.
O Executivo eloxia a obra polo seu "alto valor simbólico" a respecto da "vinculación coa emigración galega". Ademais de ser, evidencia, unha das obras "clave para comprender a traxectoria de Asorey" e "unha das pezas máis relevantes da escultura galega do século XX".