A Hispanic Society of America (HSA) vén de facer públicas por primeira vez as máis de cinco mil fotografías que Anderson tirou nos dezaoito meses que pasou en Galicia, moitas delas inéditas
Entre 1924 e 1926 a investigadora Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893-Nova York, 1983) percorreu Galicia por encargo da Hispanic Society of America, retratando en imaxes a sociedade rural do tempo, especialmente as mulleres. Neste tempo tirou unhas 5.000 fotografías e mercou outras 2.800 a fotógrafos locais. A pesar da importancia histórica e do valor deste arquivo, durante década só puidemos acceder a unha parte moi pequena deste legado. Ata este mércores.
A Hispanic Society of America (HSA) vén de facer públicas por primeira vez as máis de cinco mil fotografías que Anderson tirou nos dezaoito meses que pasou en Galicia, moitas delas inéditas. As imaxes –parte dun total de 14.000 da autoría da fotógrafa de Nebraska en España e o noroeste africano–, poden verse na súa totalidade por primeira vez e en formato dixital a través da web da entidade con sede en Nova York. O acceso é libre e de balde e as imaxes, xeolocalizadas nun mapa, poden ser procuradas por data e tamén polo seu título.
Ata agora só coñeciamos unhas 500 imaxes, apenas o 10% do traballo que realizou entre 1924 e 1926
O proxecto Habitar o Baleiro dá conta deste importante avance na súa web, na que se detalla que "até agora –tal como recolle o traballo da tradutora e investigadora Alba Rodríguez Saavedra–, só tiñamos acceso a unha pequena parte do fondo documental de Anderson en Galicia: 500 imaxes, o 10% do imprescindible traballo que a fotógrafa desenvolveu nas catro provincias galegas e que reflicten de maneira moi próxima e rigorosa a realidade da Galicia de inicios do século XX: traballadora, golpeada pola pobreza, maioritariamente feminina e eminentemente rural".
Parte do traballo de Ruth Matilda Anderson saíu á luz por primeira vez hai 17 anos da man de Afundación. Mais, polo que Rodríguez Saavedra puido saber a raíz da súa investigación sobre a fotógrafa, faltaba unha parte moi importante de todo ese fondo documental.
DUCIA | Unha ducia de paradas de Ruth Matilda Anderson en Galicia
Habitar o Baleiro subliña que o arquivo "nos traslada unha realidade nunca antes tan amplamente fotografada e traballada". "Legar unha parte da historia é legar un tesouro", conclúe o proxecto
Froito de toda esa pescuda, Saavedra publicou Ruth Matilda Anderson: traductora das marxes (Laiovento, 2025), "onde pon en valor a importancia do legado da de Nebraska non só como fotógrafa, senón tamén como tradutora, ensaísta e reveladora da Galicia dos primeiros anos vinte, na que as mulleres (e as crianzas) traballaban arreo dentro e fóra da casa".
O traballo foi realizado por Beatrice Lee Sampedro, receptora da bolsa da Fundación Leon Levy, coa supervisión de Patrick Lenaghan, conservador xefe de Impresión e Fotografía.
O acceso é libre e de balde e as imaxes, xeolocalizadas nun mapa, poden ser procuradas por data e tamén polo seu título
As fotografías posúen un nivel de dixitalización extraordinario e están publicadas en aberto para consulta, seguindo as pautas que guiaron a Archer Milton Huntington na fundación da HSA: un arquivo e biblioteca públicos, destaca Habitar o Baleiro, que subliña que o arquivo "nos traslada unha realidade nunca antes tan amplamente fotografada e traballada". "Porque legar unha parte da historia é legar un tesouro", conclúe o proxecto.