David Reinero

Unha ducia de imaxes de 20 anos de obras do AVE

O 21 de decembro de 2021, dúas décadas e cinco meses despois da primeira pedra, o AVE comezará a circular con pasaxeiros por Galicia. Repasamos unha ducia de imaxes e fitos relevantes da mellora da infraestruturas ferroviarias galegas durante este tempo.

  1. 01

    A primeira pedra

    No lugar do Barreiro, ao norte de Santiago, no treito entre a estación da capital galega e a de Berdía, os daquela presidentes Fraga e Aznar puxeron o 21 de xullo de 2001 a que denominaron como primeira pedra do AVE galego. Hoxe alí nada máis que a memoria da veciñanza lembra aquel acto. Pola dobre vía electrificada que atravesa a zona circulan a diario unha trintena de trens de pasaxeiros e mercadorías. [CC-BY-SA Praza Pública]

  2. 02

    Estacións sen trens

    As novas liñas de alta velocidade supuxeron abandonar vellos trazados cheos de curvas que deixaron sen servizos a ducias de estacións por todo o rural galego, como a de Berdía, no treito no que se puxo aquela primeira pedra ao norte de Santiago hai dúas décadas. [CC-BY-SA Praza Pública]

  3. 03

    Treitos abandonados

    Os vellos trazados substituídos pola alta velocidade quedaron abandonados e nalgúns treitos, unha vez retiradas as vías, é difícil seguir intuíndo por onde circulaban os trens hai non tanto tempo. [CC-BY-SA Praza Pública]

  4. 04

    O empurrón do 'Prestige'

    Tras uns primeiros anos de obras a baixa velocidade, o afundimento do Prestige fixo que o Goberno de España acelerase algúns treitos, como ocorreu en 2003 coa liña Ourense-Santiago. [CC-BY-SA Praza Pública]

  5. 05

    A primeira gran inauguración en 2011

    En decembro de 2011 celebrouse a primeira gran inauguración da alta velocidade galega, na liña A Coruña-Santiago-Ourense. [CC-BY-SA Xunta de Galicia]

  6. 06

    Angrois

    Ano e medio despois da inauguración da liña Santiago-Ourense ocorreu nela o maior accidente da historia da alta velocidade española, con 80 mortes, e en parte relacionado coa decisión de varios anos antes de acelerar ese treito malia non ter continuidade co resto da rede de alta velocidade. [CC-BY-SA Praza Pública]

  7. 07

    Vigo-A Coruña nunha hora e vinte minutos en 2015

    Tras sucesivas postas en servizo dos subtreitos a medida que se foron terminando, en marzo de 2015 dábase por rematado o Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña que permite unir as dúas cidades nunha hora e vinte minutos. [CC-BY-SA Xunta de Galicia]

  8. 09

    Madrid-Zamora en 2015

    En decembro de 2015 abríase o primeiro gran treito da alta velocidade entre Madrid e Galicia, o Olmedo-Zamora, desde que en 2007 se inaugurara a liña Madrid-Valladolid compartida coa galega ata Olmedo. [© Ministerio de Fomento]

  9. 10

    Zamora-Seabra en 2020

    En outubro de 2020 a liña de alta velocidade coa Meseta chegou ás portas de Galicia. [© Ministerio de Transportes]

  10. 11

    As estacións intermodais

    A mellora das liñas ferroviarias galegas tamén supuxo unha aposta por mellorar a intermodalidade trasladando estacións de autobús a carón das estacións de tren, como xa se fixo en Ourense, Santiago ou Vigo e está en proxecto facer na Coruña e Lugo, mentres que Pontevedra e Ferrol xa contaban con esa proximidade física entre terminais. [CC-BY-SA Xunta de Galicia]

  11. 12

    Seabra-Ourense en 2021

    A entrada en servizo do AVE entre Galicia e a Meseta está anunciada para o 21 de decembro, pero o ano próximo aínda haberá novos recortes de tempo cando empecen a funcionar novos trens e a medio prazo aínda haberá que executar un novo treito de entrada na cidade de Ourense que hoxe obriga aos trens a circular máis despacio ao longo duns 17 quilómetros. [CC-BY-SA Praza Pública]