Unha ducia de novas máis lidas en Praza durante 2020
Comezamos 2020 pendentes da investidura no Congreso dos Deputados e cun ollo posto na inminente carreira electoral galega, entre outras tantas cousas. Cando apenas comezara o terceiro mes, a pandemia da COVID-19 atropelounos e o ano principiou de novo para todo o mundo. As informacións máis vistas en Praza.gal en 202 falan, sobre todo, de pandemia. Mais tamén dalgunha outra cousa que convida á esperanza despois dun ano tan intenso como complexo do punto de vista informativo, uns meses nos que, tamén, as socias e socios de Praza foron aínda máis esenciais do que viñan sendo nos oito anos previos. Velaquí unhas pingas do que nos deixou o 2020. Imos co 2021. Saúde.
- 01
"O virus está tratando de aumentar a súa capacidade de contaxio e semella que vai diminuír a súa agresividade"
O 17 de agosto, cando a primeira vaga da pandemia acougara en Galicia, o xefe de Microbioloxía do CHUVI e membro do comité clínico do Sergas fronte á COVID-19 explicounos algo do que daquela se sabía sobre a evolución do virus e orientounos a respecto do que estaba por vir. Ler máis
- 02
A Xunta restrinxe polo coronavirus os desprazamentos a cultivos de autoconsumo a un máximo de 500 metros da vivenda
Nos primeiros días do confinamento, o Goberno galego limitaba ao máximo a posibilidade de ir á horta e, ademais, suspendía os mercados tradicionais de venda directa de produtos agrícolas ou gandeiros, entre outras medidas que despois acabaría suspendendo ou matizando. Ler máis
- 03
Persoal da CRTVG advirte da "manipulación" informativa sobre a pandemia: "É precampaña a prol de Feijóo"
As eleccións previstas para o 5 de abril foron suspendidas pola pandemia e, naquelas semanas, a imaxe de Alberto Núñez Feijóo comparecendo coas cámaras da TVG ao vivo para informar da COVID-19, mais tamén para confrontar co Goberno do PSOE e UP, foi recorrente. En maio, persoal da CRTVG protestou ao considerar que liña editorial dos medios públicos estaba a converterse en "precampaña" a prol do candidato do PP á reelección. Ler máis
- 04
A Xunta rectifica a instrución ao profesorado polo virus e retira a obriga xeral de estaren nos centros
No mesmo día en que o Goberno de España anunciou a inminente aprobación do estado de alarma para conter os contaxios da COVID, a Xunta suspendía as clases nos centros educativos coa mesma finalidade dende o 13 de marzo, aínda que ordenaba que o profesorado seguise acudindo a colexios e institutos malia ao confinamento e a ausencia de clases. Ás poucas horas, matizou a súa instrución mentres medraban as protestas. Ler máis
- 05
Primeiro oso gravado no Macizo Central ourensán máis dun século despois da súa desaparición da zona
Nas semanas do confinamento, as boas novas sentaban mellor ca nunca. En maio, as Camaras automáticas colocadas polo cineasta Pela del Álamo para o seu próximo filme no parque Parque Natural do Invernadeiro, no Macizo Central ourensán, captaron "reiteradamente" a presenza dun oso pardo máis dun século despois da súa desaparición da zona. Ler máis
- 06
Outra morte dun paciente agardando no Hospital Clínico de Santiago pon o foco na saturación das Urxencias
No mes de febreiro, antes da pandemia, colectivos na defensa da sanidade pública e persoal do Sergas seguían a advertir de carencias no sistema. Así sucedeu en febreiro, no Clínico de Santiago, co falecemento dun paciente que agardaba a ser atendido en Urxencias. O Sergas subliñara daquela que o home "tivera a primeira atención sanitaria en menos de dez minutos" e que a súa saúde empeorara agardando unha segunda exploración. Ler máis
- 07
Galicia é xa a única comunidade autónoma que mantén pechados os centros de día
Tras o desconfinamento, diversos negocios e servizos que tiveran que pechar comezaron a reactivarse aos poucos. En xuño, un dos elos máis sensibles na atención ás persoas anciás ou en situación de dependencia, os centros de día, seguían pechados por decisión da Xunta. Acabarían abrindo, aos poucos, xa avanzado o verán. Ler máis
- 08
O profesorado, empurrado a dar as notas sen clase en plena pandemia: "É inxusto e innecesario"
A suspensión das clases por mor da pandemia e o mantemento parcial das ensinanzas a través de internet alí onde era posible alterou o ritmo educativo en medio mundo, tamén en Galicia. Así e todo, a principios de abril o profesorado foi instado por Educación a realizar a segunda avaliación e poñer notas, o cal suscitou as protestas de profesorado en múltiples centros, ao consideralo inxusto para o alumnado e unha fonte máis de tensión para a rapazada en pleno confinamento. Ler máis
- 09
A Xunta pide non reducir as ratios de alumnado por aula para previr o coronavirus, sinalando que non hai fondos para facelo
En xuño, Ministerio de Educación e comunidades autónomas comezaban a perfilar o curso escolar 2020-21, o primeiro que estaría marcado pola pandemia dende o inicio. Unha das propostas sobre a mesa era a redución do número de estudantes por aula para mitigar os posibles contaxios. O Goberno galego alegaba a través da daquela conselleira de Educación, Carmen Pomar, que non dispuña de fondos para facelo e por iso rexeitaba a proposta. Ler máis
- 10
A TVG anuncia a reposición de 'Pratos combinados'
A ansia por recibir boas novas en pleno confinamento quedou tamén reflectida no feito de que unha brevísima información, dunha soa frase, virase tamén nunha das novas máis lidas do ano. A finais de marzo, a TVG anunciaba que ía volver repoñer a serie Pratos combinados e as mostras de ledicia superaron amplamente ás de aborrecemento Ler máis
- 11
Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións
Precisabamos esperanza e as cifras -que, na altura, a Xunta se negaba a publicar en aberto- comezaron a dárnolas, con moita cautela, nos primeiros días de abril. Daquela, tras dúas semanas de confinamento total, comezabamos a familiarizarnos coa famosa curva epidémica. A primeira vaga comezaba a acougar Ler máis
- 12
Catro chamadas en seis minutos e sanción se non colles o teléfono: O Sergas é condenado por incumprir as normas das listas de substitucións
Antes da pandemia e dos seráns de aplausos ao persoal esencial dende fiestras e balcóns, sabiamos tamén da precariedade laboral do que pouco despois viraría en primeira liña de loita contra o coronavirus. É o caso de boa parte do persoal eventual do Sergas. Nos primeiros días de 2020, Praza daba conta dunha condena xudicial á Xunta por relegar ao último posto das listas de contratación de substitucións do Sergas a unha traballadora que non atendeu o teléfono cando a chamaron dous días seguidos para traballar incumprindo as propias normas para facelo. Ler máis