A Xunta mantén só a Asturias, Madrid, Euskadi e Catalunya na lista de comunidades coa obriga de control pola COVID de viaxeiros que cheguen a Galicia. Unha nova actualización da anterior listaxe de territorios publicada hai dúas semanas segue a contemplar o rexistro de viaxeiros para Francia pero xa non para Portugal.
Fálase
DOCUMENTO | Así se distribúen as prazas da Oferta Pública de Emprego para 2021 que a Xunta formulou aos sindicatos. Na liña do avanzado, as prazas de acceso libre para as diferentes categorías roldan o milleiro. Podes consultar o detalle nesta ligazón. Na imaxe, exames de oposicións en Silleda, a pasada fin de semana.
O reinicio da vacinación contra a COVID-19 coa vacina de Oxford-AstraZeneca tamén incluirá á poboación de entre 55 e 65 anos. Segundo avanza La Vanguardia, así o acordaron esta mañá os representantes do Estado e as autonomías a Comisión de Saúde Pública, como paso previo á súa ratificación no Consello Interterritorial deste mesmo luns.
A plataforma Por un monte galego con futuro mobilizouse este domingo en vilas e cidades contra o novo plan forestal da Xunta e pola aplicación inmediata da moratoria do eucalipto. Na imaxe, o acto reivindicativo de Melide.
Un incendio forestal queima unhas 40 hectáreas na parroquia compostelá de Figueiras. Foi preciso o traballo de ata 9 brigadas na súa extinción, complicada polo forte vento. (Na imaxe, a contorna onde aconteceu o incendio ©Google)
A Asociación de Medios en Galego desenvolve este sábado a súa gala anual dende a Casa de Rosalía. O evento, conducido polo actor Federico Pérez, pódese seguir ao vivo en liña
Ás 10:37 comezou a primavera. Como explica Meteogalicia, a esa hora, a Terra pasou polo equinoccio e "nese punto os dous polos, norte e sur, están á mesma distancia do sol e soamente unha metade exacta da terra está iluminada". Imaxe do satélite Meteosat divulgada por Meteogalicia.
A Comisión Europea recomenda vixiar a evolución da COVID-19 a través da presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais, ao xeito do que xa sucede na Coruña co proxecto COVID Bens. A investigadora que coordina o proxecto, Margarita Poza, explicaba hai poucos días en Praza.gal que teñen constatada a súa capacidade para anticiparse aos rebrotes da pandemia.
A Axencia Europea do Medicamento (EMA) reafírmase despois da investigación realizada en que a vacina de AstraZeneca contra a Covid-19 é "segura e efectiva" e non atopa relación entre a súa administración e os eventos tromboembólicos notificados nas últimas semanas. Este martes o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas suspenderon temporalmente a aplicación da vacina mentres non se aclaraba a posible relación coas tromboses rexistradas.
O Congreso dos Deputados aproba definitivamente a lei de eutanasia por ampla maioría absoluta, como xa sucedera o pasado decembro, antes do seu envío ao Senado. O resultado final é de 202 votos a prol fronte a 141 en contra (PP e Vox) e 2 abstencións. Finaliza así a tramitación da norma máis de dúas décadas despois da morte de Ramón Sampedro, pioneiro na súa reivindicación. Máis información, hoxe en Praza.gal