O temporal obriga a cancelar o desfile de Entroido en Santiago e os concertos e a queima do Meco en Vigo. Na Coruña tamén foron suspendidos os concertos da rúa da Torre, pero o resto de actividades do Entroido choqueiro foron trasladadas ao patio cuberto do colexio Grande Obra de Atocha, segundo informan os respectivos concellos.
Fálase
O Consello da Cultura Galega prorroga por segunda vez a exposición Alba de Gloria. Unha experiencia. Poderá continuar visitándose no Panteón de Galegos Ilustres ata o 17 de marzo. Xa pasaron por ela unhas 15.000 persoas.
Pablo Casado anuncia recursos ante a Xunta Electoral contra os reais decretos que o Goberno de Pedro Sánchez aprobe dende hoxe, xornada na que se convocan formalmente as eleccións xerais. A figura do decreto está concibida para decisións urxentes e a Xunta Electoral só pode actuar sobre o xeito de difundilos. Tamén Feijóo atacou a Sánchez por aprobar medidas en vésperas electorais, se ben o propio PP galego adoptou relevantes decisións mesmo estando en funcións.
O ministro Ábalos presenta en Lugo o proxecto da futura estación intermodal da cidade e sitúa o horizonte do inicio das obras en 2020. O Goberno local aplaude a iniciativa, mentres que a Xunta carga contra o Executivo central por considerar a presentación "electoralista" e asegurar que non coñeceu o proxecto ata a pasada fin de semana.
Media Galicia estará de festa este Martes de Entroido, festivo local en 155 concellos, entre eles Ourense, Lugo e A Coruña. Seis localidades escolleron o Luns de Entroido como non laborable 13 optaron polo Mércores de Cinsa. En total 173 concellos incluíron estas festividades no seu calendario, algo menos que o pasado ano.
Pedro Sánchez asina o decreto de disolución das Cortes e convocatoria das eleccións xerais do 28 de abril, que sairá publicado e entrará en vigor este martes.
As inscricións nas oficinas de emprego descenderon en 1.091 persoas en febreiro en Galicia, ata as 173.709. Son 14.498 menos que hai un ano. No mesmo mes o número de afiliacións á Seguridade Social aumentaron en 4.940 e quedan en 997.311, un incremento interanual de 18.822 persoas a traballar. Máis información, hoxe en Praza.
Un incendio xa extinguido queima 25 hectáreas no Vicedo. No que vai de ano arderon nos montes galegos máis de 800 hectáreas, cifra que é aproximada porque a Xunta non revela a totalidade dos incendios que acontecen. (Imaxe: Brigada de Marroxo)
Núñez Feijóo afirma que o 8 de marzo cada muller "ten o dereito de reivindicar a igualdade como lle pete, facendo folga ou traballando". Na súa intervención no acto Por unha Galicia en igualdade, organizado polo PPdeG, acusou de "supremacismo ideolóxico" a quen considere que "unhas mulleres defenden a igualdade mellor ca outras simplemente porque forman parte doutro partido"
Comeza en Lugo a manifestación do feminismo galego, baixo o lema Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista. e que anticipa a gran mobilización do 8 de marzo. Este é o manifesto que se lerá ao remate da marcha