Marta Ortega será presidenta de Inditex dende o 1 de abril de 2022 en substitución de Pablo Isla. Segundo vén de comunicar á CNMV, o consello de administración da multinacional "aceptou a renuncia" de Isla na súa xuntanza deste luns, 29 de novembro, "no contexto da súa desvinculación de mutuo acordo de Inditex". A empresa destaca de Marta Ortega, filla do fundador do grupo, Amancio Ortega, que "desenvolveu a súa actividade" na compañía dende hai 15 anos. A operación inclúe tamén a remuda do conselleiro delegado, posto que pasa a exercer Óscar García Maceiras, avogado do Estado e executivo que antes de incorporarse a Inditex exerceu en bancos como o Pastor, o Popular, o Santander ou a Sareb (o banco malo). [Imaxes: © Inditex]
