Marea de Vigo súmase a varias entidades sociais que rexeitan a instalación dunha estatua relixiosa de cinco metros de alto no monte da Guía. A formación pide manter a laicidade dos espazos públicos fronte á disposición do Concello a instalar no visible monte vigués unha figura do “Sagrado Corazón”.
Fálase
Un xulgado de Madrid imputa a Podemos como persoa xurídica e ao seu tesoureiro na causa polo financiamento do partido que encabeza Pablo Iglesias, iniciada tras unha denuncia do ex-avogado da formación, que fora despedido do seu posto de traballo. Podemos coida que esta é unha "causa xeral" contra o partido baseada en "sospeitas" e que inclúe o delito de malversación para que Vox poida comparecer na causa.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia propón a Feijóo "tres medidas básicas para o xornalismo galego" na nova lexislatura: "a elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional", recorrentemente prometida polo propio PP galego, "a creación do Consello de Comunicación de Galicia" e o cumprimento dos artigos aínda pendentes da lei dos medios públicos de comunicación. O decano da entidade, Francisco González Sarria, trasladou as demandas mediante unha carta ao líder do PP, que se dispón a ser reelixido na Presidencia da Xunta.
A Xunta volve publicitar o seu arranxo de estradas de Valdeorras deterioradas polas canteiras de lousa. O Goberno galego informa este martes do inicio das obras recoñecendo novamente o efecto sobre as vías autonómicas dos “vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras”.
Tras o prolongado período sen chuvias en boa parte de Galicia, AEMET e Meteogalicia activan alertas amarelas e laranxas por treboadas e intensas precipitacións en múltiples concellos do país para hoxe e mañá. Máis detalles, nos sitios web de AEMET e Meteogalicia. (Mapa: AEMET)
A Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña recorre ante o Tribunal Superior o peche de pubs e discotecas e a limitación horaria de bares e restaurantes aplicados pola Xunta para frear os contaxios da COVID-19 na comarca. Argumentan que as medidas son un "acto de fe" que "conculca as liberdades individuais". Recólleo La Opinión de A Coruña
Adif conclúe a retirada dos vagóns do tren de mercadorías descarrilado que guindaran ao río Sil. O administrador ferroviario agrega que se dispón a "continuar coa limpeza e restauración da zona" e a "reparación da vía afectada". Mentres, seguen adiante os procesos sancionadores da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e mais da Xunta por mor do impacto ambiental do acontecido.
A Secretaría Xeral de Igualdade constata un incremento do 35% nas chamadas ao Teléfono de Información á Muller no primeiro semestre do ano. Producíronse 1.842 consultas nestes seis meses, 477 máis que no mesmo período de 2019. A maioría tivo relación coa atención psicolóxica seguida das preguntas sobre recursos e cuestións xurídicas. Os 82 centros de Información á Muller galegos recibiron 5.465 consultas neste semestre, 779 máis que no mesmo período do ano anterior (un 16,6% máis). Porén, os datos ata marzo indican que as denuncias descenderon un 19,5% e ata as 1.397, a maioría concentradas nas provincias da Coruña e Pontevedra.
O Sergas confirma que está a facer probas PCR a xornaleiros que traballan en invernadoiros de Cospeito tras detectarse un positivo por coronavirus nun destes traballadores. Segundo salienta Radio Lugo, Sanidade resalta que polo momento non considera que se trate dun brote, ao existir un só caso confirmado de positivo pola doenza. Na imaxe, o hospital de Lugo, dende onde están a ser coordinadas as probas.
O Goberno de España ten xa dispoñible para a súa descarga a aplicación móbil Radar COVID para a detección e rastrexo de contactos de persoas que poidan contraer o coronavirus. A app aínda está en desenvolvemento en probas, pero xa se pode obter tanto para móbiles Android como para iPhone. O Ministerio subliña que o seu despregamento depende, en última instancia, das comunidades autónomas.