Feijóo sae na defensa da Monarquía e "do papel do rei Juan Carlos na transición" tras a fuxida do ex-xefe do Estado. O presidente da Xunta en funcións e candidato á reelección polo PP apela á "presunción de inocencia" para o monarca e di ver "moi preocupante" que haxa "membros do Goberno" que queiran "erosionar" a Coroa.
Fálase
O paro rexistrado descendeu e 9.343 inscricións en Galicia durante o mes de xullo e queda en 175.311, o que supón 24.390 máis que no mesmo mes do ano pasado. Durante o mes de xullo, a afiliación media á Seguridade Social en Galicia aumentou en 19.026 persoas e volve superar o millón, aínda que seguen sendo 31.814 menos que doce meses antes. Ampliamos a información neste espazo de Praza.gal
Juan Carlos de Borbón anuncia que marcha de España en plenas pescudas sobre as súas finanzas "ante a repercusión pública que están xerando certos acontecementos pasados da miña vida privada", indica un comunicado da Casa Real.
Compostela non tivo nada de chuvia en todo o mes de xullo, segundo os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. É a primeira vez dende 1981 que a cidade non rexistra precipitacións neste mes. Un recente estudo da USC determinou que os días de verán duplicáronse en Compostela dende 1950.
- "De manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla", dicía nesta entrevista Alberto Martí, autor de 'Os tempos e o clima de Galicia' (Xerais)
Investigadores e investigadoras do Laboratorio de Radon de Galicia (USC) veñen de publicar na prestixiosa revista Environmental Research un amplo estudo que revela un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial. A exposición prolongada aos niveis de radon habituais nunha parte importante de Galicia é o factor de risco da enfemidade máis importante para persoas non fumadoras. O profesor Alberto Ruano chama a aplicar en España a directiva europea para limitar os efectos do radon.
Abanca obtivo uns beneficios de 133 millóns de euros no primeiro semestre de 2020, un 43% menos que no mesmo período do ano anterior. A entidade destaca que estes resultados chegan tras sumar "162,8 millóns as súas provisións para crédito co obxectivo de facer fronte á previsible deterioración económica derivada da situación actual". Na imaxe, acto de presentación de resultados de Abanca.
O incendio de San Millao (Cualedro) aínda non puido ser extinguido, pero si controlado. As medicións provisionais indican que xa afectou a unhas 1.535 hectáreas, segundo Medio Rural.
As fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta :)
O produto interior bruto de España caeu un histórico 18,5% no trimestre máis afectado polo confinamento, un -22,1% interanual que sitúa o Estado tecnicamente en recesión económica por mor da pandemia. Son resultados que vén de avanzar o INE. O Foro Económico de Galicia calcula que, o pasado maio, o PIB galego caeu arredor dun 20%.
O Goberno de España reúne hoxe en La Rioja a conferencia de presidencias autonómicas, á que asiste Feijóo no nome da Xunta. O presidente da Generalitat catalá, Joaquim Torra, non asistirán á reunión, a primeira presencial deste órgano dende 2017, na que finalmente si estará o lehendakari Urkullu e abordará asuntos como os brotes da COVID-19 e o reparto dos fondos europeos pola crise do coronavirus. Na imaxe, Pedro Sánchez o pasado maio durante unha das conferencias coas autonomías celebradas por videoconferencia.