Co 95% escrutado, Rebelo de Sousa revalida a presidencia de Portugal con preto do 63% dos votos, 11 puntos máis que en 2016 pero 7 menos que o récord de Mário Soares en 1991.
Fálase
A Xunta reitera que baralla a posibilidade de estender a máis concellos o nivel máis alto de restricións pola COVID-19, que actualmente rexe en Arteixo, Viveiro e Xinzo e que implica o veto ás reunións entre non conviventes e o peche total da hostalería e outras actividades "non esenciais", entre outras medidas. Indicouno o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista na Radio Galega. As novas medidas serán abordadas polo comité clínico este luns e a continuación, Feijóo exporaas nunha comparecencia pública, contra as dúas da tarde. Na imaxe, Feijóo e Comesaña no transcurso dunha sesión do comité clínico, o pasado día 12.
Portugal celebra hoxe as eleccións presidenciais, marcadas pola incidencia disparada do coronavirus e co actual presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, como gran favorito para a reelección.
A Xunta valora crear dunha empresa de capital maioritariamente privado, na que o Goberno galego tería presenza "relevante, pero minoritaria", para "impulsar" os denominados "proxectos tractores" que poidan optar a fondos europeos de recuperación. A posible creación desta sociedade foi tratada nunha xuntanza do "comité de expertos económicos" que, segundo divulgou este sábado a Xunta nun comunicado, se celebrou o venres coa presenza de Feijóo.
Dimite o Xefe do Estado Maior da Defensa, máximo responsable operativo dos Exércitos de España, tras a controversia xerada ao transcender que se vacinou contra a COVID-19 xunto a outros cargos militares. O xeneral Miguel Ángel Villaroya puxo a vacina malia non estar incluído nos grupos prioritarios para recibila. Está a contalo eldiario.es
O CB Breogán, campión da Copa Princesa de baloncesto ao impoñerse tras a prórroga ao HLA Alicante por 85 a 74. É a terceira ocasión na que o equipo lucense logra este título. A final disputouse no Pazo dos Deportes de Lugo ante só 250 persoas por mor das limitacións para evitar contaxios do coronavirus.
7.204 persoas recibiron xa en Galicia as dúas doses da vacina da COVID-19, as precisas para a inmunidade. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, o Sergas administrou ata o xoves, día 21, 65.394 doses da vacina, o 95,3% das recibidas ata agora. Na imaxe, o inicio da vacinación, nunha residencia de Santiago a finais de decembro.
O persoal de Alcoa na Mariña aproba en referendo o acordo do comité de empresa coa compañía para iniciar a negociación da venda da factoría de aluminio á Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI). O 87,2% dos votos deron o seu "si" ao acordo, mentres que 11,3% optou polo "non", con 7 votos en branco e 4 nulos nunha votación que tivo un 77% de participación sobre un total dun censo de 964 persoas.
Feijóo reitera que a Xunta vai estender a máis concellos, que polo momento non detalla, o nivel máis estrito de restricións pola COVID-19. O Goberno galego mantén a previsión de que o comité clínico non se reúna para facer efectiva a decisión ata comezos da semana que vén. Polo momento, segue vixente o mapa de medidas que entrou en vigor o xoves desta semana, con ese nivel máis duro só en Arteixo, Viveiro e Xinzo de Limia. Na imaxe, Feijóo e o conselleiro de Sanidade participando na reunión do comité clínico do pasado luns.
A UE desbota un peche de fronteiras "indiscriminado" pola terceira vaga da pandemia, pero pide restrinxir todas as viaxes non esenciais. É unha das principais conclusións do Consello Europeo celebrado este xoves por videoconferencia, na que os Estados membros sinalaron a potencial maior capacidade de expansión das novas variantes do SARS-CoV-2. (Imaxe: ©UE)