7.204 persoas recibiron xa en Galicia as dúas doses da vacina da COVID-19, as precisas para a inmunidade. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, o Sergas administrou ata o xoves, día 21, 65.394 doses da vacina, o 95,3% das recibidas ata agora. Na imaxe, o inicio da vacinación, nunha residencia de Santiago a finais de decembro.
Fálase
O persoal de Alcoa na Mariña aproba en referendo o acordo do comité de empresa coa compañía para iniciar a negociación da venda da factoría de aluminio á Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI). O 87,2% dos votos deron o seu "si" ao acordo, mentres que 11,3% optou polo "non", con 7 votos en branco e 4 nulos nunha votación que tivo un 77% de participación sobre un total dun censo de 964 persoas.
Feijóo reitera que a Xunta vai estender a máis concellos, que polo momento non detalla, o nivel máis estrito de restricións pola COVID-19. O Goberno galego mantén a previsión de que o comité clínico non se reúna para facer efectiva a decisión ata comezos da semana que vén. Polo momento, segue vixente o mapa de medidas que entrou en vigor o xoves desta semana, con ese nivel máis duro só en Arteixo, Viveiro e Xinzo de Limia. Na imaxe, Feijóo e o conselleiro de Sanidade participando na reunión do comité clínico do pasado luns.
A UE desbota un peche de fronteiras "indiscriminado" pola terceira vaga da pandemia, pero pide restrinxir todas as viaxes non esenciais. É unha das principais conclusións do Consello Europeo celebrado este xoves por videoconferencia, na que os Estados membros sinalaron a potencial maior capacidade de expansión das novas variantes do SARS-CoV-2. (Imaxe: ©UE)
A área sanitaria de Pontevedra confirma a vacinación contra a COVID-19 de 17 membros do seu persoal que non cumprían os requisitos e aos que lles correspondería recibir a dose máis tarde. O Sergas atribúeo a un "erro" na elaboración das listaxes de persoal ao que si corresponde vacinarse xa, nas que foron incluídos integrantes de departamentos como informática ou administración. Está a contalo Pontevedra Viva
Detectado un foco do coronavirus nunha granxa de visóns americanos da Baña con 3.100 exemplares que serán sacrificados. A Xunta, que vén analizando periodicamente mostras deses animais, di que xa informou do caso ao Ministerio de Agricultura. [Imaxe: Xunta].
Juan Vieites, novo presidente da patronal galega co 89% dos votos. O presidente de Anfaco-Cecopesca ocupará unha cadeira baleira desde hai tres anos nunha Confederación de Empresarios de Galicia protagonista polas súas liortas internas.
As persoas maiores de 80 anos serán o seguinte grupo en ser vacinado contra a COVID-19, unha vez que sexan inmunizadas as persoas usuarias de residencias, persoal sanitario e grandes dependentes. Así o vén de anunciar o Ministerio de Sanidade trala xuntanza do Consello Interterritorial, que non adoptou ningunha decisión para modificar o Estado de Alarma de cara a un posible adianto do toque de queda, como reclaman varias comunidades autónomas
Joe Biden toma posesión como presidente dos Estados Unidos de América. O demócrata e mais a súa vicepresidenta, Kamala Harris, veñen de xurar os seus cargos nun acto inaugural da lexislatura marcado pola COVID e, sobre todo, polas fortísimas medidas de seguridade en Washington, acrecentadas tras o asalto ao Capitolio por grupos de extrema dereita partidarios de Trump o pasado día 6.
O antes e o despois. Rube, o lobo mariño rescatado en Valdoviño en novembro, xa está recuperado e embarcará mañá en Vigo para ser soltado no Gran Sol. Foi atopado con poucas semanas de vida e 11 quilos de peso e agora, tras o seu paso polas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), pesa xa 25 quilos. [Imaxe: Xunta]