O CIS sitúa o PSdeG en cabeza das expectativas de voto en Galicia ante unhas eventuais novas eleccións xerais. O indicador que ofrece o último barómetro é de voto máis simpatía, que non equivale a unha estimación de sufraxios e non permite proxección de escanos. Nas pasadas eleccións xerais do 28A o PSdeG foi o máis votado con algo máis de catro puntos sobre o PP.
Fálase
En Marea anuncia os novos postos da súa dirección tras as últimas eleccións internas, con Luís Villares como voceiro, "coa vista posta nas eleccións de 2020". O seu obxectivo, afirman, é consolidarse "no espazo progresista centrándose no feminismo, no ecoloxismo político e na loita contra a precariedade".
A compostelá Marta González deixa de ser vicesecretaria de comunicación do PP, posto no que fora nomeada hai un ano, tras a chegada de Pablo Casado ao liderado do partido, no que fora lido como unha chiscadela á dirección do PPdeG. Casado substitúea por Pablo Montesinos, xornalista de Libertad Digital ao que fichou para as candidaturas do partido no 28A. Na mesma reestruturación sitúa o deputado por Lugo Jaime de Olano como vicesecretario de Participación.
O PSdeG propón a María Xosé Porteiro como nova adxunta á Valedora do Pobo. Porteiro, xornalista de profesión, foi edil do PSdeG en Vigo e deputada socialista no Parlamento. Tamén exerceu como delegada da Xunta na Arxentina e no Uruguai na etapa do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.
CGT reclama un aumento de persoal en Renfe cunha folga este mércores 31 de xullo que se repetirá os días 14 e 30 de agosto e 1 de setembro. Os paros serán entre as 12 e as 16 horas e entre as 20 e as 24 horas. Os servizos mínimos en Media Distancia serán do 65% e en Longa Distancia do 78%.
O ex-ministro de Xustiza Rafael Catalá volve traballar para a empresa de xogo e apostas Codere, para a que xa traballara de 2005 a 2011, mentres medra a presión sobre os gobernos para limitar a súa expansión. En Galicia está a tramitarse a nova lei do xogo. Unha información de El Confidencial
Abanca gañou 250 millóns de euros no primeiro semestre do ano e a súa cifra de negocio achégase aos 80.000 millóns de euros tras mercar a rede portuguesa do Deutsche Bank
A Xunta di prever un novo hospital na Coruña, pero aclara que polo momento non sabe se proporá unha ampliación do CHUAC ou un complexo diferente "nun novo emprazamento". Foi un dos asuntos abordados por Feijóo na súa primeira xuntanza oficial coa alcaldesa da cidade, Inés Rey.
O BBVA, imputado como persoa xurídica por corrupción nos seus negocios co ex-comisario Villarejo. Está a contalo eldiario.es
O PP evita que Feijóo compareza no Parlamento para explicar o nomeamento de Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo. Os grupos de PSdeG e En Marea pediron hoxe na Deputación Permanente da Cámara que o presidente da Xunta dese contas ao respecto nun pleno extraordinario e os populares consideraron a convocatoria "absurda, estraña e atípica".