O Supremo cita o venres os ex-conselleiros cataláns encarcerados para decidir se os deixa en liberdade.
Fálase
A ex-ministra Isabel Tocino, nova presidenta do Banco Pastor. O Santander situouna este martes á fronte da segunda entidade bancaria galega. Tamén é conselleira en ENCE e a ex-política que máis cobraba como conselleira en empresas cotizadas.
O PP defende no pleno da Deputación de Lugo unha moción para a chegada do AVE á cidade, que o Ministerio de Fomento xa desbotou. Os votos de PSdeG e BNG rexeitaron a iniciativa. A liña de alta velocidade de Lugo a Ourense, que Feijóo chegou a prometer construír "con cartos da Xunta", foi xa formalmente aparcada polo Goberno central, que aposta agora polas melloras da liña convencional, opción pola que tamén se inclinan os gobernos do Concello e da propia Deputación co apoio do Eixo Atlántico.
O Parlamento constitúe a comisión de estudo sobre os incendios con Raquel Arias (PP) como presidenta e o tamén popular Alberto Pazos como vicepresidente. Para a secretaría foi elixido José Antonio Quiroga, do PSdeG, cos votos de populares e socialistas. En Marea denuncia un "lamentable pacto" para "deixar fóra da Mesa da comisión á primeira forza da oposición", di o deputado Davide Rodríguez, quen lamenta que o órgano naza "viciado".
Feijóo confirma que irá pedir o voto para Albiol en Catalunya "como presidente dunha nacionalidade histórica". Segundo adiantou nunha entrevista en RNE, participará en actos do PP catalán os días 5 e 18 de decembro, nos que advertirá de que "se pode ser catalán" como "forma de ser español" e cargará contra Puigdemont, ao que cualifica de "nocivo". O presidente da Xunta xa pedira o voto para Albiol nas eleccións de 2015 e para Sánchez-Camacho en 2012.
O Congreso debaterá a lei para permitir máis investimentos aos concellos coas contas saneadas porque o Goberno de Rajoy rexistrou 4 minutos tarde o veto á proposta, que promove Unidos Podemos. O Executivo pretendía aplicarlle a esta norma o mesmo bloqueo que á lei para o traspaso da AP-9. Cóntao eldiario.es
Cuac FM amplía a súa difusión coa incorporación á plataforma de televisión de R e cunha nova versión da súa aplicación en Android. A radio comunitaria coruñesa segue adiante coa súa campaña #CuacResiste tras o peche das súas emisións analóxicas por mor da ameaza dunha sanción de ata 200.000 euros por parte da Xunta.
Pintan touros nos bancos do Concello de Sarria inspirados na bandeira LGTBI. O consistorio reparará o mobiliario danado, na rúa Castelao, e seguirá a instalar os bancos previstos coas mesmas cores. (Imaxe: BNG)
Medio Rural permite dende hoxe volver tramitar permisos de queimas controladas pola "diminución de risco de incendios". Paralelamente, o dispositivo de extinción de incendios forestais vai reducindo a súa dimensión.
O PP vasco acusa a Ciudadanos de axitar o "nacionalismo español" contra Euskadi e o seu financiamento. Asegurouno o líder da formación popular no País Vasco, o ex-ministro Alfonso Alonso, ao fío da nova negociación do cupo. Recólleo El Mundo.