O Tribunal Constitucional levanta por unanimidade a suspensión provisional das reformas da Xunta sobre repotenciación dos parques eólicos e trámites da Lei de Dependencia mentres resolve o fondo do asunto. Ambos preceptos, incluídos na lei de acompañamento dos orzamentos de 2025, foron recorridos polo Goberno de España ao considerar que invaden competencias estatais. O TC considera que manter a suspensión sería máis prexudicial para o medio ambiente que levantala, no caso da norma eólica, e que na tramitación conxunta das valoracións de discapacidade e dependencia non hai un prexuízo para o interese público mentres o caso segue adiante. [Imaxe: © TC]