Pablo Casado asegura que as medidas contempladas na lei estatal de vivenda que ultima o Goberno de España "non se van aplicar" nas comunidades autónomas onde goberna o PP, caso de Galicia, nin nos concellos con alcaldías do partido. Afirmouno en declaracións a Tele 5 que recolle eldiario.es. Boa parte da futura norma depende dos gobernos autonómicos e locais, en materias como a limitación de prezos do alugueiro ou subas fiscais ás vivendas baleiras, entre outras.
Fálase
Continúan as protestas polos recortes de profesorado. Desta vez, pais e nais do CEIP Sagrada Familia da Coruña cortaron a Ronda de Outeiro en demanda do especialista de música que lles corresponde, provocando retencións nunha das principais vías da cidade. Foto: BNG.
As asociacións que están a preparar os actos do 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega, que terá lugar o 10 de marzo do vindeiro ano, propoñen trasladar o monumento que lembra os feitos, obra de Xoán Braxe, ao centro da Praza da Porta Nova, "lugar máis destacado e coincidente coa ubicación dos tráxicos sucesos que o motivan"
O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas aproban administrar unha dose de recordo da vacina contra a COVID ás persoas de máis de 70 anos. Esta terceira dose comezará a ser administrada a partir do 25 de outubro e só poderá ser recibida seis meses despois da segunda. Ata agora xa estaban a recibir esta dose de reforzo as persoas que viven en residencias da terceira idade e os pacientes inmunodeprimidos.
Vestas comprométese a estudar unha alternativa para seguir en Viveiro pero non retira o ERE, segundo informa El Progreso. A empresa ábrese a buscar "unha posibilidade de reciclar ou transformar a produción", segundo afirma a Xunta. Foto: CIG
O Consello de Ministros autoriza un rescate de 241 millóns de euros ao grupo hoteleiro Hotusa, que preside o chantadino Amancio López Seijas, o abeiro do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas, creado pola pandemia. Este grupo empresarial, que tamén é o organizador do denominado Foro La Toja, conta cun plantel de 4.000 persoas e, segundo sinala o Goberno de España, recibe os fondos "exclusivamente" para "cubrir os gastos de nóminas, Seguridade Social e impostos", así como a "garantir a liquidez". Segundo a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), "de non recibir o apoio solicitado, arrastraría graves dificultades para manterse en funcionamento".
A Xunta eleva as ocupacións xerais máximas para actividades en interiores ao 90% dende o sábado, 9 de outubro e sen límite máximo de persoas. O DOG especificará as normas concretas para cada sector e actividade. Estas restricións son as principais que aínda permanecen alén das normas xerais de uso da máscara, distancia, hixiene e ventilación.
Acordo entre o PSOE e Unidas Podemos para os Orzamentos Xerais do Estado de 2022 e a nova lei de vivenda. A norma sobre vivenda estaba a ser, precisamente, o principal atranco entre as formacións que conforman o Goberno de España para pechar o pacto dos Orzamentos, para o que agora terán que xuntar apoios no Congreso. Na imaxe, Pedro Sánchez e as tres vicepresidentas, o pasado xullo na Moncloa [© Borja Puig de la Bellacasa / Pool Moncloa]
Facebook e os seus servizos WhatsApp e Instagram volven funcionar tras a caída global sufrida durante a xornada do luns. A compañía estadounidense pediu desculpas polo fallo masivo, pero non aclarou as súas causas. Esta caída global produciuse en plena xeira de revelacións sobre as prácticas empresariais da compañía que encabeza Marck Zuckerberg e a súa responsabilidade na difusión de contidos "polarizantes e divisivos" na sociedade. [Imaxe: Dawid Sokołowski / Unsplash ]
Facebook e os seus servizos Instagram e WhatsApp sofren unha caída a nivel global. O sitio web Downdetector permite facer seguimento destas caídas.