Feijóo afirma que "se necesita reflexión e moito sentido común, moita proporcionalidade nas decisións" e non confirma a súa candidatura para o congreso extraordinario do PP. O presidente da Xunta lembrou este domingo que ata o martes non comeza o período para presentar candidaturas e manifestou o seu desexo de que deste proceso "saia un partido reforzado". [Feijóo e Casado nunha imaxe de arquivo en Oleiros © PP]
Fálase
Alejandro Valverde gaña a terceira tirada da Volta a Galicia, considerada a etapa raíña, que percorreu as montañas de Ourense entre o Miño e o Sil. Na liña de meta de Luíntra entrou en segundo lugar o canadense Michael Woods, que foi o vencedor do venres e vai líder na clasificación xeral. O veterano ciclista Miguel Induráin recibiu os corredores na meta. A etapa final do domingo en Sarria será decisiva. [Fotografía de Luis Gomez / Sprint Cycling / O Gran Camiño]
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manterá este martes unha reunión institucional co lehendakari Iñigo Urkullu na sede do Goberno vasco en Vitoria. A formación nacionalista traslada que o encontro versará sobre o concerto económico de Euskadi en medio do debate aberto sobre o financiamento autonómico, o papel das forzas nacionalistas no contexto do Estado e o papel da Administración pública para impulsar a ciencia e o coñecemento. Na mesma visita, Pontón reunirase coa dirección do organismo para o desenvolvemento da investigación científica en Euskadi, o Ikerbasque.
O Consello da Cultura Galega entrega as Medallas de Honra da institución ao poeta e director do Instituto Cervantes, Luis García Montero, e á profesora da Universitat de Barcelona Helena González Fernández polo seu "labor a prol do diálogo entre a cultura galega e outras culturas irmás, fraternalmente, por enriba de muros e valados que non están nos nosos corazóns".
No acto participan o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outros. [Fotografía © Xoán Crespo/Xunta]
Michael Woods gaña a segunda tirada da Volta a Galicia, con final no Alto do Ézaro. O canadiano do equipo Israel superou a Alejandro Valverde por 16 segundos e sitúase como o novo líder da proba. O moañés Delio Fernández, sétimo na etapa, é o mellor galego na xeral. Este sábado correrase a terceira tirada, entre Maceda e Luíntra, considerada a etapa raíña da Volta.
O TSXG autoriza prorrogar ata marzo a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais e residencias. O Tribunal Superior destaca que o virus “continúa tendo unha elevada circulación” e explica que a medida ten como obxectivo protexer a persoas especialmente vulnerables. As persoas que queiran acceder a un centro hospitalario ou residencial poden presentar un certificado de vacinación, de proba diagnóstica negativa ou de ter pasado a enfermidade; os hospitais ofrecen a posibilidade de someterse voluntariamente a unha proba diagnóstica.
Polònia, o programa de sátira política de TV3, incorpora o personaxe de Feijóo, que comeza propoñendo o seu primeiro gag: “Casado está na ducha, como en Psicose, Ayuso quéreo apuñalar, aparezo eu como salvador e pégolle tres puñaladas”
O dinamarqués Magnus Cort (EF), primeiro líder da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño, ao impoñerse nun sprint en Vigo a Giovanni Leonardi (Eolo) e Alejandro Valverde (Movistar). O moañés Delio Fernández (Atum General/Tavira) é o mellor galego, décimo na etapa. Mañá venres, a segunda etapa unirá Bertamiráns e o Alto do Ézaro.
Morre o empresario Ángel Martínez, Lito, alcumado como 'o rei das orquestras', tras precipitarse dende a ponte da Barca (Poio) sobre a AP-9. Está a contalo Pontevedra Viva. Martínez, cuxo estado de saúde empeorara moito nos últimos anos, tivo que afrontar multitude de procesos xudiciais polos seus negocios. [Imaxe: © TVG]
Principia no Porriño O gran camiño, a proba coa que Galicia recupera unha carreira ciclista profesional. Esta primeira tirada, de 165 quilómetros, finaliza en Vigo. A competición, que pasará por 45 concellos, ten catro etapas que suman 512 quilómetros e inclúen 8 portos de montaña. [Imaxe: Deputación de Pontevedra]