Principia no Porriño O gran camiño, a proba coa que Galicia recupera unha carreira ciclista profesional. Esta primeira tirada, de 165 quilómetros, finaliza en Vigo. A competición, que pasará por 45 concellos, ten catro etapas que suman 512 quilómetros e inclúen 8 portos de montaña. [Imaxe: Deputación de Pontevedra]
Fálase
Antonio López, reelixido como reitor da Universidade de Santiago nas eleccións celebradas este mércores, ás que concorreu como candidato único. López, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, obtivo 1.636 votos: 706 do profesorado doutor, 394 do alumnado, 271 do persoal de administración e servizos e 265 do resto do persoal. 2.211 dos 3.847 votos emitidos foron en branco, informa a USC. [Foto: © Santi Alvite]
Guerra en Europa. Rusia inicia bombardeos contra diversos puntos de Ucraína tras anunciar Putin unha operación militar no país. O presidente ruso xustificou o ataque nunha mensaxe televisada na que o sinalou como "única opción". Diversos medios están a dar conta dos bombardeos, que a ONU reclama cesar decontado para retomar a vía diplomática. A Unión Europea aborda a situación esta mañá nun Consello Europeo extraordinario. Máis contexto do que está a acontecer, durante este xoves en Praza.gal
Desde este sábado ás cero horas deixa de requirirse certificado COVID e rexistro de usuarios na hostalería. A Xunta decide ampliar tamén o número permitido de comensais xuntos de 8 a 10 en interiores e de 15 a 20 no exterior.
Pablo Casado despídese a efectos prácticos do liderado do PP durante a sesión de control no Congreso, na que renunciou á quenda de réplica tras unha primeira intervención con alusións á "concordia" e contra as vinganzas, entre referencias ao golpe do 23F, do que hoxe se fan 41 anos. Pedro Sánchez, que desbotou un eventual adianto electoral para aproveitar as "feblezas" do PP, desexoulle a Casado "o mellor, no persoal". Imaxe da retransmisión ao vivo do Congreso.
Dimite o secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea, número dous de Pablo Casado, despois de que a súa saída fora solicitada por altos cargos do partido e polo grupo parlamentario popular no Congreso. O actual presidente do PP, Pablo Casado, convoca finalmente unha reunión da Junta Directiva Nacional para o vindeiro 1 de marzo. Desa xuntanza sairá a convocatoria dun congreso extraordinario da formación. Mentres, Feijóo pediu decisións "urxentes" e numerosos cargos do PP en Galicia sumáronse a un manifesto que reclama un congreso inmediato para escoller un novo liderado. [Na imaxe, García Egea intervén na sesión de control ao Gobierno no Congreso con Casado no seu escano © PP]
O Consello de Ministros aproba a suba do salario mínimo interprofesional ata 1.000 euros mensuais en 14 pagas con efecto retroactivo dende o pasado 1 de xaneiro.
Morre Alfredo Novoa, tenente de alcalde en Oleiros dúas décadas e impulsor e presidente durante 14 anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A Xunta publica no DOG a resolución coa que adapta a selectividade ou avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) á nova lei educativa estatal. A convocatoria ordinaria será do 7 ao 9 de xuño e a extraordinaria do 12 ao 14 de xullo.
- HEMEROTECA | O que di (e o que non) a nova lei de educación
Chegan a Santiago os sobreviventes do Villa de Pitanxo no avión militar enviado polo Estado, no que tamén foron trasladados cinco dos nove mariñeiros falecidos cuxos corpos foron recuperados. Foron recibidos ao pé da pista do aeródromo militar por Pedro Sánchez e mais por Alberto Núñez Feijóo. Familiares dos desaparecidos reiteraron a ambos presidentes a reclamación de que reiteren a Canadá a necesidade de seguir buscando os doce desaparecidos. [Foto: © Goberno de España]