Polònia, o programa de sátira política de TV3, incorpora o personaxe de Feijóo, que comeza propoñendo o seu primeiro gag: “Casado está na ducha, como en Psicose, Ayuso quéreo apuñalar, aparezo eu como salvador e pégolle tres puñaladas”
Fálase
O dinamarqués Magnus Cort (EF), primeiro líder da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño, ao impoñerse nun sprint en Vigo a Giovanni Leonardi (Eolo) e Alejandro Valverde (Movistar). O moañés Delio Fernández (Atum General/Tavira) é o mellor galego, décimo na etapa. Mañá venres, a segunda etapa unirá Bertamiráns e o Alto do Ézaro.
Morre o empresario Ángel Martínez, Lito, alcumado como 'o rei das orquestras', tras precipitarse dende a ponte da Barca (Poio) sobre a AP-9. Está a contalo Pontevedra Viva. Martínez, cuxo estado de saúde empeorara moito nos últimos anos, tivo que afrontar multitude de procesos xudiciais polos seus negocios. [Imaxe: © TVG]
Principia no Porriño O gran camiño, a proba coa que Galicia recupera unha carreira ciclista profesional. Esta primeira tirada, de 165 quilómetros, finaliza en Vigo. A competición, que pasará por 45 concellos, ten catro etapas que suman 512 quilómetros e inclúen 8 portos de montaña. [Imaxe: Deputación de Pontevedra]
Antonio López, reelixido como reitor da Universidade de Santiago nas eleccións celebradas este mércores, ás que concorreu como candidato único. López, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, obtivo 1.636 votos: 706 do profesorado doutor, 394 do alumnado, 271 do persoal de administración e servizos e 265 do resto do persoal. 2.211 dos 3.847 votos emitidos foron en branco, informa a USC. [Foto: © Santi Alvite]
Guerra en Europa. Rusia inicia bombardeos contra diversos puntos de Ucraína tras anunciar Putin unha operación militar no país. O presidente ruso xustificou o ataque nunha mensaxe televisada na que o sinalou como "única opción". Diversos medios están a dar conta dos bombardeos, que a ONU reclama cesar decontado para retomar a vía diplomática. A Unión Europea aborda a situación esta mañá nun Consello Europeo extraordinario. Máis contexto do que está a acontecer, durante este xoves en Praza.gal
Desde este sábado ás cero horas deixa de requirirse certificado COVID e rexistro de usuarios na hostalería. A Xunta decide ampliar tamén o número permitido de comensais xuntos de 8 a 10 en interiores e de 15 a 20 no exterior.
Pablo Casado despídese a efectos prácticos do liderado do PP durante a sesión de control no Congreso, na que renunciou á quenda de réplica tras unha primeira intervención con alusións á "concordia" e contra as vinganzas, entre referencias ao golpe do 23F, do que hoxe se fan 41 anos. Pedro Sánchez, que desbotou un eventual adianto electoral para aproveitar as "feblezas" do PP, desexoulle a Casado "o mellor, no persoal". Imaxe da retransmisión ao vivo do Congreso.
Dimite o secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea, número dous de Pablo Casado, despois de que a súa saída fora solicitada por altos cargos do partido e polo grupo parlamentario popular no Congreso. O actual presidente do PP, Pablo Casado, convoca finalmente unha reunión da Junta Directiva Nacional para o vindeiro 1 de marzo. Desa xuntanza sairá a convocatoria dun congreso extraordinario da formación. Mentres, Feijóo pediu decisións "urxentes" e numerosos cargos do PP en Galicia sumáronse a un manifesto que reclama un congreso inmediato para escoller un novo liderado. [Na imaxe, García Egea intervén na sesión de control ao Gobierno no Congreso con Casado no seu escano © PP]
O Consello de Ministros aproba a suba do salario mínimo interprofesional ata 1.000 euros mensuais en 14 pagas con efecto retroactivo dende o pasado 1 de xaneiro.