Gaza queda sen electricidade mentres seguen os bombardeos de Israel, que mataron xa máis dun milleiro de persoas, entre elas tres sanitarios da Media Lúa Vermella e nove traballadores de Nacións Unidas. En territorio israelí son máis de 1.200 os falecidos. A UE aumenta a axuda a Palestina e advirte a Israel de que non aplique a vinganza. Foto: UNRWA
Fálase
Catro menores mortos e outras oito persoas feridas no incendio dun edificio en Vigo. O lume rexistrouse de madrugada no número 6 da rúa Alfonso X o Sabio, nas proximidades da praza de América. Todas as persoas feridas foron trasladadas a centros hospitalarios. [Foto: Concello de Vigo]
O Goberno de España recorre ante o Constitucional a lei do litoral de Galicia. Así o anunciou a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, que anuncia o recurso a 71 artigos, o 40% da normativa. "Aprópiase de competencias exclusivas do Estado", advirte.
CIG-Ensino anuncia unha folga xeral no ensino galego para o martes 24 de outubro en resposta á proposta de baixada de ratios e horarios docentes da Xunta, que consideran "insuficiente" e unha "chantaxe". Máis información, hoxe en Praza.gal.
As primarias no PSdeG terán a súa primeira votación o 29 de outubro. O prazo para presentar as precandidaturas comezou este luns e remata ás tres da tarde do mércores 11. Segundo o calendario aprobado pola dirección socialista, o día 18 se proclamarán os candidatos que conten cos suficientes avais. Besteiro xa confirmou que participará do proceso de primarias e Gonzalo Caballero manifestou a súa vontade de facelo tamén. O proceso rematará o 8 de novembro coa proclamación definitiva do candidato socialista á Presidencia da Xunta.
Democracia Ourensana presentarase ás eleccións galegas, segundo vén de anunciar Jácome. O alcalde de Ourense e líder da formación di que quere "ser decisivos" en Galicia e "que a Xunta aplique discriminación positiva na provincia de Ourense".
O Ministerio de Cultura recoñece a Rodrigo Cuevas co Premio Nacional das Músicas Actuais 2023. O xurado destacou a "singularidade" e o "compromiso coa diversidade" do artista asturiano, moi vencellado a Galicia, e a unión "de música tradicional folclórica e música popular contemporánea" nos seus proxectos. Na imaxe de Andrea Sánchez, o músico no concerto que hai unhas semanas ofreceu na Coruña no marco do festival Noites do Porto.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica rexeita dous parques eólicos entre Valdeorras e o Bierzo polo seu impacto sobre o oso pardo. A resolución desfavorable publicada no BOE sobre os parques Pichí e Lardeiras, promovidos por Green Capital, sinala os seus previsibles "impactos adversos significativos".
Gómez Besteiro di estar "a disposición" do PSdeG para ser candidato á Xunta. Nunha entrevista na Cadena SER, o deputado socialista avanza que as primarias poderían ser "de forma inmediata" e ve posible un "cambio de ciclo" en Galicia liderado polo seu partido.
Dereita e extrema dereita maniféstanse en Barcelona contra a amnistía nunha marcha que encabeza o ex-líder do PSdeG e ex-alcalde da Coruña, Francisco Vázquez. Feijóo e Abascal están presentes tamén na marcha que pide "nin amnistía nin autodeterminación". Máis información, hoxe en Praza.gal. Foto. SCC.