Os sistemas informáticos do Sergas e parte da telefonía están interrompidos desde as 17.51 horas deste martes afectando a todo tipo de consultas e servizos médicos. Os servizos técnicos non prevén recuperar os servizos caídos ata a medianoite.
Fálase
A comarca de Ferrolterra, a máis afectada polas fortes chuvias das últimas horas. Neda e Fene son os concellos con máis incidencias polo desbordamento de varios ríos e inundacións en vivendas. Foto: Concello de Ferrol.
O PP aproba unha reforma exprés do regulamento do Senado para frear a lei de amnistía. Feijóo reúne a prensa estranxeira para denunciar "a deterioración da democracia en España".
O PSOE rexistra en solitario a proposición de lei de amnistía no Congreso. O texto leva só a sinatura dos socialistas malia que a idea era contar coa de Sumar, BNG, ERC, Junts, PNV e EH Bildu.
As traballadoras da limpeza en Lugo rexeitan a oferta da patronal e manteñen a folga. As limpadoras desbotaron por unanimidade a última proposta por ser "absolutamente insuficiente" e seguirán co paro, que está a piques de facer un mes.
O debate de investidura de Pedro Sánchez celebrarase os vindeiros mércores 15 e xoves 16 de novembro, segundo vén de anunciar a presidenta do Congreso, Francina Armengol. O líder do PSOE ten asegurado ser investido presidente do Goberno de España este xoves ao apalabrar 179 votos favor.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebra nun acto a chegada do peregrino número 438.308, que supón un récord histórico de camiñantes a Compostela e supera o máximo acadado ao longo do pasado ano 2022, a pesar de que este 2023 non ten consideración de Ano Xacobeo. Hai dous meses Rueda destacou que podía haber un 30% de peregrinos realizando o Camiño de Santiago que non aparecen nas estatísticas, porque por distintos motivos non recollen a Compostela, polo que a cifra podería ser mesmo superior.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este domingo ás 20 horas unha Gala solidaria con Palestina na que participan Muerdo, Mercedes Peón, Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado, presentados por Melania Cruz. A entrada, de balde con billeteira inversa (o que significa que ao rematar o evento as asistentes poderán facer as súas doazóns económicas solidarias), pode reservarse aquí.
A CIG convoca folga xeral nas Pontes o 23 de novembro "en resposta á crítica situación socioeconómica" da localidade e reclama "medidas que garantan" unha "transición xusta". O paro, de media xornada, desenvolverase entre ás 11 e as 15 horas e afectará a todas as traballadora e traballadores das empresas privadas e administracións públicas do ámbito municipal.
O presidente da República convoca eleccións en Portugal o 10 de marzo tras consultar cos partidos políticos. Marcelo Rebelo de Sousa agradece a António Costa que siga exercendo en funcións ata esa data tras presentar a súa dimisión ao estar investigado por presunta corrupción coas minas de litio na fronteira con Galicia. O presidente di querer que antes sexan aprobados os orzamentos do Estado para 2024.