O paro rexistrado diminuíu en 3.603 inscricións nas oficinas de emprego de Galicia durante o mes de xaneiro e queda en 185.984, o que supón 18.229 máis que en xaneiro de 2020. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social diminuíu en 9.823 persoas, ata as 992.338, isto é, 14.168 menos que hai un ano.
Fálase
Un total de 27.098 persoas recibiron xa as dúas doses da vacina contra COVID-19 en Galicia, as que fornecen a inmunización. Segundo os datos divulgados este luns polo Ministerio de Sanidade (pechados o domingo), o Sergas leva administradas 85.718 doses, o 95,6% das recibidas ata a pasada semana. Estas cifras non inclúen a remesa de vacinas recibida este mesmo luns.
Alemaña envía 26 profesionais sanitarios, 50 ventiladores e 150 camas a Portugal nunha misión de axuda no combate contra a COVID. Case o 76% dos concellos portugueses están en risco extremo polo impacto do coronavirus.
O alumnado do CEIP de Baamonde grava un vídeo dirixido ao alcalde da localidade e ao conselleiro de Educación para rexeitar o peche do colexio. A pasada semana a Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada pola comunidade educativa do centro, que leva dous meses mobilizándose contra o plan do Concello para suprimir a escola, na que estudan 30 nenos e nenas.
Retencións desde primeira hora da mañá entre Tui e Valença na primeira xornada laborable con controis nas fronteiras con Portugal e só ese paso e o de Verín-Chaves abertos. [Imaxe: DGT]
AstraZeneca entregará á UE 40 millóns de doses da súa vacina para a COVID neste primeiro trimestre do ano; son 9 millóns máis das anunciadas hai unha semana, pero a metade das previstas a finais do pasado ano. Na imaxe (©AstraZeneca), viais da vacina.
Falece Alejandro Gómez, atleta tres veces olímpico e varias veces campión estatal de 10.000 metros, cross e medio maratón, ao que se lle detectara un tumor cerebral inoperable. [Imaxe: Federación Galega de Atletismo]
O Concello de Ferrol divulga un vídeo homenaxe polo 201 aniversario do nacemento de Concepción Arenal no que interveñen varias mulleres de destacada traxectoria.
A ministra de Turismo di que “Semana Santa pode ser o reinicio das viaxes nacionais se se dan as condicións de seguridade, e é clave acelerar o proceso de vacinación”. Así o dixo Reyes Maroto nunha entrevista en Onda Cero. O mércores o arcebispo de Santiago emitiu un decreto co que suspendeu "todas as procesións e actos confrades” da Semana Santa na vía pública. [Imaxe: Congreso dos Deputados]
A Axencia Europea do Medicamento (EMA) autoriza a administración da vacina de AstraZeneca dende os 18 anos e sen límite de idade. Nos ultimos días expertos alemáns recomendaran non aplicala ás persoas maiores de 65 anos polo escaso número de participantes destas idades nos ensaios clínicos. A EMA recoñece que "a maioría dos participantes nos estudos tiñan entre 18 e 55 anos", pero espera que tamén noutros grupos de idade a vacina sexa eficaz e agarda máis información dos estudos actualmente en curso. Agora a Comisión Europea debe autorizar a súa comercialización, unha decisión que podería ser adoptada esta mesma tarde.