O alumnado do CEIP de Baamonde grava un vídeo dirixido ao alcalde da localidade e ao conselleiro de Educación para rexeitar o peche do colexio. A pasada semana a Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada pola comunidade educativa do centro, que leva dous meses mobilizándose contra o plan do Concello para suprimir a escola, na que estudan 30 nenos e nenas.
Fálase
Retencións desde primeira hora da mañá entre Tui e Valença na primeira xornada laborable con controis nas fronteiras con Portugal e só ese paso e o de Verín-Chaves abertos. [Imaxe: DGT]
AstraZeneca entregará á UE 40 millóns de doses da súa vacina para a COVID neste primeiro trimestre do ano; son 9 millóns máis das anunciadas hai unha semana, pero a metade das previstas a finais do pasado ano. Na imaxe (©AstraZeneca), viais da vacina.
Falece Alejandro Gómez, atleta tres veces olímpico e varias veces campión estatal de 10.000 metros, cross e medio maratón, ao que se lle detectara un tumor cerebral inoperable. [Imaxe: Federación Galega de Atletismo]
O Concello de Ferrol divulga un vídeo homenaxe polo 201 aniversario do nacemento de Concepción Arenal no que interveñen varias mulleres de destacada traxectoria.
A ministra de Turismo di que “Semana Santa pode ser o reinicio das viaxes nacionais se se dan as condicións de seguridade, e é clave acelerar o proceso de vacinación”. Así o dixo Reyes Maroto nunha entrevista en Onda Cero. O mércores o arcebispo de Santiago emitiu un decreto co que suspendeu "todas as procesións e actos confrades” da Semana Santa na vía pública. [Imaxe: Congreso dos Deputados]
A Axencia Europea do Medicamento (EMA) autoriza a administración da vacina de AstraZeneca dende os 18 anos e sen límite de idade. Nos ultimos días expertos alemáns recomendaran non aplicala ás persoas maiores de 65 anos polo escaso número de participantes destas idades nos ensaios clínicos. A EMA recoñece que "a maioría dos participantes nos estudos tiñan entre 18 e 55 anos", pero espera que tamén noutros grupos de idade a vacina sexa eficaz e agarda máis información dos estudos actualmente en curso. Agora a Comisión Europea debe autorizar a súa comercialización, unha decisión que podería ser adoptada esta mesma tarde.
O PP suspende de militancia cautelarmente e abre expediente á alcaldesa de Boimorto por vacinarse contra a COVID. O partido espera que a rexedora "clarifique as circunstancias" da súa vacinación no día de hoxe e cre que as explicacións ofrecidas polo momento son "insuficientes". A formación, respecto a súa posible dimisión, pide ser "cautos". Máis información, hoxe en Praza.gal.
Endesa busca optar a fondos europeos para montar unha planta de hidróxeno nas Pontes cun investimento de máis de 100 millóns. A compañía anuncia o proxecto unha semana despois de decidir o peche definitivo da central térmica da vila.
O Goberno de Portugal prohibe as saídas ao estranxeiro da súa cidadanía agás "casos excepcionais" durante 15 días pola COVID. Así o anunciou o ministro da Administração Interna na Assembleia da República, Eduardo Cabrita sinala que se trata dunha "limitação de deslocações para o exterior nos próximos 15 dias de cidadãos nacionais para proteger os cidadãos nacionais e contribuir a limitação de contágios". Están a contalo a RTP e o xornal Público. O peche da fronteira tivo un forte impacto durante a primeira vaga da pandemia nas localidades da raia galego-portuguesa. Na imaxe, a ponte sobre o Miño entre Tomiño e Cerveira.