O Goberno de Asturias anuncia que a comunidade autónoma volve á fase 2. As reunións sociais e familiares redúcense a seis persoas, prohíbense os eventos e actos e non se permite o consumo en barra nin en mesas se hai máis de seis persoas.

O Goberno de Asturias anuncia que a comunidade autónoma volve á fase 2. As reunións sociais e familiares redúcense a seis persoas, prohíbense os eventos e actos e non se permite o consumo en barra nin en mesas se hai máis de seis persoas.
Portugal volve decretar o estado de calamidade, como ao comezo da pandemia do coronavirus, e limita as reunións a cinco persoas. O Goberno portugués, que ata agora mantiña o inferior estado de contingência, pasa agora a recomendar máscara tamén na vía pública.
O Sergas avanza que a vindeira semana ultimará un "protocolo específico" para regular as medidas da COVID19 nas visitas aos cemiterios por Todos os Santos e Defuntos. "Somos conscientes da sensibilidade" da data e "estamos revisando uns criterios xerais de movementos nese día", sinala o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Máis información sobre o máis destacado da comparecencia, hoxe en Praza.gal
O Supremo confirma a condena ao PP polo caso Gürtel pero elimina as alusións á súa caixa B por estar sendo axuizada noutro proceso. A sentenza foi ditada en maio de 2018 e precipitou a moción de censura contra o Goberno de Mariano Rajoy. O principal condenado, Francisco Correa, mantense en 51 anos de prisión e o que fora secretario de organización do PP galego, Pablo Crespo, queda nunha condena de algo máis de 36 anos. Nesta ligazón, todas as condenas.
Unha mancha de fuel fai activar o plan anticontaminación na ría de Arousa. O vertido ten unha extensión de 1.300 por 500 metros e foi avistado por un avión de Salvamento Marítimo. Ampliamos a información neste espazo
Sabela Ramos Garea gaña o Premio Ada Byron, que todos os anos outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) coincidindo co Día Internacional Ada Lovelace co obxectivo de enxalzar os logros das mulleres en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas e alentar as novas xeracións de rapazas a realizar estas carreiras. Despois de estudar na UDC e en Zürich, Sabela Ramos é na actualidade enxeñeira en Google Research e forma parte do colectivo Google Women in Engineering, que estimula a presenza feminina no sector TIC.
PSOE, PP e BNG apoian no Congreso unha intervención temporal da planta de Alcoa na Mariña. Os tres partidos pactaron instar o Goberno central á nacionalización da fábrica "o máis axiña posible" para garantir a actividade e os empregos, ao fío dunha iniciativa do Bloque na comisión de Industria. Ampliamos a información neste espazo
Este martes comeza o V Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que se desenvolverá ata o sábado 17 na cidade olívica. Faino coas proxeccións de Crip Camp: a disability revolution e de De chaque instant, un filme do francés Nicholas Philibert dedicado ao persoal sanitario.
O Observatorio da Mariña Pola Igualdade organiza o vindeiro domingo 18 en Xove a xornada 'Embegonhadas 2020', unha "mullerenaxe" a Begoña Caamaño, finada hai seis anos. O acto busca “poñer en valor o legado cultural da feminista”, así como seguir “a senda de sororidade que deixou cos seus escritos”
A Xunta admite, tras o conflito en Brión, que modificará a normativa dos comedores escolares para que poidan ser coidadoras "persoas alleas ás familias dos escolares". Avanzouno o conselleiro Román Rodríguez en declaracións á Radio Galega. Esta semana, tras a mobilización das familias, Educación accedeu a que un colexio brionés poida incorporar persoal contratado polo Concello para habilitar unha segunda quenda de comedor e así cumprir as medidas da COVID-19 sen deixar fóra do servizo a case 200 estudantes.