O DOG publica os dous días festivos que terá en 2023 cada concello galego a maiores dos doce que haberá en todo o país.
Fálase
Morre aos 83 anos Vicente Couce, un dos curas ‘vermellos’ de Ferrol, encarcerado pola ditadura. Couce foi xulgado polo Tribunal de Orden Público (TOP) por asistir a "reuniones de una organización laboral declarada ilegal", solicitar fondos na misa para apoiar aos obreiros que foran detidos e por realizar "propaganda ilegal" ao editar "300 ejemplares a multicopista de un folleto de carácter extremista”.
- HEMEROTECA | Os curas do cinto vermello de Ferrol, contra Franco
- HEMEROTECA | Unha ducia de cregos cos pés na terra
Traballadoras dos servizos de axuda no fogar, en folga indefinida, maniféstanse en Santiago en reclamación dun “convenio digno”. A CIG asegura que os paros están a ter un seguimento do 80% nas súas primeiras xornadas.
Gonzalo Navaza ingresou este sábado na Real Academia Galega cun discurso sobre os nomes de persoa na toponimia do seu Lalín natal. O escritor e tradutor ocupa a vacante producida pola morte o pasado ano do historiador Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG durante case unha década.
Unha manifestación volve reclamar na Coruña a devolución ao patrimonio público da Casa Cornide, en mans da familia Franco. [Imaxe: Marea Atlántica]
Ana Pontón e a líder do Sinn Fein, Mary Lou McDonald, defenden unha saída social e xusta á crise de prezos. A portavoz nacional do BNG asiste en Dublín, xunto coa eurodeputada Ana Miranda, ao congreso do partido irlandés co que a formación nacionalista mantén unha "fluída" relación política. Tras a súa reunión, Pontón e McDonald apostan por antepoñer as persoas aos lobbies económicos, preservar unhas condicións laborais dignas e reforzar servizos públicos e protección social.
Edís de Alternativa dos Veciños, PP e PSdeG presentan unha moción de censura contra o alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría). De ter éxito, a voceira de Alternativa dos Veciños, María Nogareda, actual concelleira de Educación, converteríase na nova alcaldesa a seis meses das eleccións municipais, despois de sinalar hai unhas semanas que daba por "roto" o actual acordo de Goberno con Sadamaioría e BNG. A presentación da moción de censura fíxose sen o coñecemento das direccións de Alternativa dos Veciños e PSdeG, segundo informa La Opinión.
O BNG reclama que "con carácter inmediato" PP, PSOE e Alternativa dos Veciños declaren "tránsfugas" aos seus representantes como "único xeito verificábel de constatar a súa oposición á moción de censura" anunciada en Sada. Pola súa banda, o PSOE provincial da Coruña desautoriza dita moción de censura e anuncia que tomará "medidas disciplinarias" contra os edís que a subscriban, "unhas medidas que suporían a súa expulsión do Partido Socialista".
Defende a Galega celebra o seu venres negro 233 coa vista posta na manifestación que este domingo reclamará “rescatar” a CRTVG e poñela ao servizo da cidadanía.
A catedrática de Historia Moderna na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela Ofelia Rey Castelao (Arnois, A Estrada, 1956) recibe o Premio Nacional de Historia de España 2022, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola obra El vuelo corto. Mujeres y migraciones en la Edad Moderna (editada pola USC).
O xurado destacou este traballo "por ser unha investigación rigorosa con diversidade de fontes históricas que ofrece unha visión integral das migracións das mulleres na Idade Moderna: as intrapeninsulares, as transoceánicas, as de quen o fixeron como persoas libres, semilibres ou cativas ou como exiliadas...".
A Xunta activa a alerta laranxa polo temporal costeiro no noroeste da Coruña e na provincia de Lugo. A Dirección xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda do Goberno galego lembra a importancia de manterse afastado de praias, paseos marítimos, rompentes ou diques; evitar navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos; non deterse a sacar fotografías; e aseguar as embarcación. Segundo a AEMET, a peor parte do temporal chegará ao noroeste da provincia da Coruña e á Mariña lucense nas últimas horas deste xoves con ondas de ata seis metros.