Unha manifestación volve reclamar na Coruña a devolución ao patrimonio público da Casa Cornide, en mans da familia Franco. [Imaxe: Marea Atlántica]
Fálase
Ana Pontón e a líder do Sinn Fein, Mary Lou McDonald, defenden unha saída social e xusta á crise de prezos. A portavoz nacional do BNG asiste en Dublín, xunto coa eurodeputada Ana Miranda, ao congreso do partido irlandés co que a formación nacionalista mantén unha "fluída" relación política. Tras a súa reunión, Pontón e McDonald apostan por antepoñer as persoas aos lobbies económicos, preservar unhas condicións laborais dignas e reforzar servizos públicos e protección social.
Edís de Alternativa dos Veciños, PP e PSdeG presentan unha moción de censura contra o alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría). De ter éxito, a voceira de Alternativa dos Veciños, María Nogareda, actual concelleira de Educación, converteríase na nova alcaldesa a seis meses das eleccións municipais, despois de sinalar hai unhas semanas que daba por "roto" o actual acordo de Goberno con Sadamaioría e BNG. A presentación da moción de censura fíxose sen o coñecemento das direccións de Alternativa dos Veciños e PSdeG, segundo informa La Opinión.
O BNG reclama que "con carácter inmediato" PP, PSOE e Alternativa dos Veciños declaren "tránsfugas" aos seus representantes como "único xeito verificábel de constatar a súa oposición á moción de censura" anunciada en Sada. Pola súa banda, o PSOE provincial da Coruña desautoriza dita moción de censura e anuncia que tomará "medidas disciplinarias" contra os edís que a subscriban, "unhas medidas que suporían a súa expulsión do Partido Socialista".
Defende a Galega celebra o seu venres negro 233 coa vista posta na manifestación que este domingo reclamará “rescatar” a CRTVG e poñela ao servizo da cidadanía.
A catedrática de Historia Moderna na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela Ofelia Rey Castelao (Arnois, A Estrada, 1956) recibe o Premio Nacional de Historia de España 2022, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola obra El vuelo corto. Mujeres y migraciones en la Edad Moderna (editada pola USC).
O xurado destacou este traballo "por ser unha investigación rigorosa con diversidade de fontes históricas que ofrece unha visión integral das migracións das mulleres na Idade Moderna: as intrapeninsulares, as transoceánicas, as de quen o fixeron como persoas libres, semilibres ou cativas ou como exiliadas...".
A Xunta activa a alerta laranxa polo temporal costeiro no noroeste da Coruña e na provincia de Lugo. A Dirección xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda do Goberno galego lembra a importancia de manterse afastado de praias, paseos marítimos, rompentes ou diques; evitar navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos; non deterse a sacar fotografías; e aseguar as embarcación. Segundo a AEMET, a peor parte do temporal chegará ao noroeste da provincia da Coruña e á Mariña lucense nas últimas horas deste xoves con ondas de ata seis metros.
Case o 60% da poboación galega de 18 anos solicitou o Bono Cultural de 400 euros que ofrece o Estado para a mocidade desta idade. Foron un total de 12.706 solicitudes, o que supón o 56,05% do total das persoas que podían pedilo, uns dous puntos por baixo da media estatal, segundo datos divulgados pola Delegación do Goberno de España en Galicia. As condicións do bono fixan que se poidan gastar ata 100 euros en produtos culturais físicos como libros ou discos, outros 100 en produtos dixitais como prensa, servizos de podcast ou videoxogos e os restantes 200, en artes escénicas e musicais ou museos.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego descenderon un -0,27% en Galicia (389 menos) en outubro e quedan en 143.720. Son 10.325 menos que un ano antes (-6,70%). Na media estatal caen un -0,92% (-27.027, o mellor dato da serie neste mes) e o descenso interanual é do -10,51%. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social descendeu un -0,06% (646 menos) e queda en 1,048 millóns de persoas ocupadas, un 1,55% máis que hai un ano, mentres que na media estatal a afiliación aumenta un 0,51% mensual e un 3,01% interanual.
Iberdrola programou o web da súa tarifa regulada de luz e gas para que fose imposible atopala en Google. Cóntao elDiario.es ao fío do achado do avogado experto en tecnoloxía Samuel Parra, que o divulgou na súa conta de Twitter. Tras a forte repercusión da denuncia pública, a compañía eléctrica corrixiu o código do web para que si apareza nos buscadores.
Ana Pontón retoma este venres axenda internacional en Dublín cun encontro coa líder do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, cadrando co congreso da formación irlandesa. Segundo resalta o BNG; "ambas comparten ser líderes das súas formacións, lograren os mellores resultados electorais da historia das súas forzas e aspiran a presidir os gobernos dos seus países na próxima cita coas urnas". A formación soberanista liga este encontro cos recentes contactos mantidos pola súa portavoz nacional en Colombia, Chile ou Uruguai, entre outros.